A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar o V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018, que se celebrará o vindeiro mes de novembro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. A competición busca darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, e que en anos anteriores ten colleitado amplos éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills.
O campionato, de carácter eminentemente práctico, consistirá no desenvolvemento de 23 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. En concreto as especialidades convocadas son as de Tecnoloxía do automóbil, Pintura do automóbil, Pintura e decoración, Fontanería e calefacción, Instalacións eléctricas, Ebanistaría, Xardinaría paisaxística, Refrixeración e aire acondicionado, Mecanizado, Electrónica, Control industrial, Mecatrónica, Robótica móbil, Soldadura, Solucións de software para empresa, Floraría, Tecnoloxía da moda, Peiteado, Estética, Panadaría, Cociña, Servizo de restaurante e bar e a de Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.
Os centros que queiran presentar alumnado a esta convocatoria deberán facer efectiva a súa solicitude, cubrindo unha inscrición por cada skill en que participen, que debe remitirse, antes do día 23 de marzo de 2018, ao enderezo de correo electrónico [email protected]. O modelo e a información poden atopala no portal de FP, no enlace http://www.edu.xunta.es/fp/galiciaskills-2018 .
Os centros poderán presentar a este campionato un estudante por cada especialidade, coa excepción das de Mecatrónica e Xardinaría paisaxística, nas que participarán en equipo de dúas persoas por centro. O número mínimo de centros educativos inscritos en cada competición será de catro e, excepcionalmente, poderá autorizarse un número menor. En calquera dos casos, o número de alumnos competidores non será menor de catro.
As persoas competidoras serán os matriculados neste curso en ciclos formativos, que voluntariamente queiran participar, e que teñan unha idade máxima de 21 anos feitos durante 2018 coa excepción de Mecatrónica, na que os participantes terán como máximo 24 anos feitos durante o 2018. Acompañaraos un profesor ou unha profesora do centro, que actuará como titor ou titora, e que se encargará da súa preparación para a competición.
Haberá dous premios por competición. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2019, que se celebrará en Madrid. Este alumnado, xunto cos xefes e as xefas de equipo, conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2019. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado neste campionato. O profesorado que participe recibirá a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa GaliciaSkills 2018, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.