A Consellería de Educación e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática convocan o II Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos

O certame vai dirixido a alumnado de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos de ESO
Publicado por o día 29/01/2018 na sección de Educación

A Consellería de Educación e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática convocan o II Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia convocan o II Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos, un certame dirixido ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que cursen 5º ou 6ª de Primaria ou algún dos catro cursos de ESO. O certame organízase con motivo do Día da Protección de Datos, que se conmemorou onte en toda Europa.

O obxectivo do concurso é que a sociedade galega, en especial os máis novos, tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, promovendo o coñecemento sobre os dereitos e responsabilidades nesta materia.

Os traballos presentaranos os propios centros educativos, a través do enderezo premioliterario@cpeig.gal, ata as 15 horas do día 28 de febreiro de 2018.

Bases do certame

As obras que se presenten deberán ser inéditas e estar escritas en lingua galega. Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros, como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. O obxectivo dos traballos deberá ser responder a preguntas como Que é para ti a protección de datos?, Como afecta no teu día a día? ou Como podo protexer os meus datos?. Os textos de referencia serán Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).

A extensión dos traballos, que deberán presentarse en formato dixital en PDF, será de entre 1000 e 2000 palabras para as categorías de ESO, e de entre 800 e 1000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe.

Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tablet para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo.

Na primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia, e os gañadores foron na categoría Eva Riveiro Formoso co traballo oinc, do Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, e Gustavo López Leyenda, co traballo PISOTE, do CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela.