O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e Carolina Jeux, CEO de Telefónica Educación Digital; asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha nos centros educativos galegos do programa Creando Código, co que se procura afondar nas competencias dixitais STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) do alumnado de Infantil, Primaria e ESO. No acto estivo presente a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez.
A iniciativa leva consigo un programa de formación do profesorado, homologado polo departamento educativo da Xunta de Galicia, así como o acceso a ScolarTIC, un espazo social de aprendizaxe en aberto e gratuíto para a comunidade educativa iberoamericana impulsado por Telefónica Educación Digital.
O profesorado que desexe participar poderá inscribirse no portal educativo da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.gal/portal/ ), que lle dará acceso a ScolarTIC (www.scolartic.com ).
Propostas didácticas
A iniciativa susténtase sobre a aprendizaxe baseada en proxectos e busca fomentar as competencias STEM de forma transversal en todo o currículo escolar a través dun plantexamento no que o alumnado se enfronta a un reto que require localizar, procesar información e pensamento computacional, crear algún tipo de produto tecnolóxico e presentar os resultados que dan resposta ao devandito desafío. Para iso, proporciónase as docentes un repositorio de proxectos e propostas didácticas curriculares listas para ser implementadas na aula, incluíndo as metas de comprensión e as preguntas condutoras, mención aos contidos curriculares que desenvolve, contidos en tecnoloxía, robótica ou programación, etc. Ademais, para facilitar a aplicación na aula, defínense as sesións de aprendizaxe necesarias coas pautas e actividades ou dinámicas que se deben realizar.
Creando Código presentará para a etapa de Infantil 18 propostas didácticas estruturadas en sesións que potencian o pensamento abstracto e computacional nas idades máis temperás, a través do xogo e traballando o coñecemento do medio, de si mesmo, as linguaxes e a autonomía persoal. Para Primaria deseñáronse 72 proxectos trimestrais que se desenvolven sobre os 6 cursos nas materias de Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas, Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais e Educación Artística. Pola súa banda, en ESO haberá 18 proxectos trimestrais e transversais para desenvolver nos tres primeiros cursos da etapa, que inciden sobre as materias de Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia, Matemáticas, Música e Física e Química.
Formación para o docente
Para a súa implantación, Creando Código dispón dunha formación asociada aos proxectos que se compón de itinerarios formativos, cada un deles formado por cinco cursos de Programación, Robótica e Tecnoloxía que supoñen arredor de entre 90 e 110 horas de formación.
Ademais, os docentes poderán ampliar as súas competencias a través dos tutoriais e obradoiros que ofrece o espazo ScolarTIC, dirixido a que profesores, educadores e proxenitores podan formarse e informarse sobre as últimas tendencias educativas internacionais e que conta xa con máis de 400.000 usuarios. Neste espazo pódense atopar cursos en formato MOOC como Programando con Scratch, Iniciación á Robótica, etc.
EduDixital 2020
Esta colaboración con Telefónica Educación Digital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital 2020, Edudixital, que ten como obxectivos principais que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 e romper coa fenda de xénero nos estudos STEM.
Nos últimos anos, a Consellería puxo en marcha accións específicas para promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumando. Deste xeito, desde o curso 2015/16 impulsouse un cambio curricular a través de novas materias de libre configuración como Robótica, Programación ou Identidade dixital. Asociado ás ditas materias, no 2016/17 repartíronse kits de robótica, programación e impresión 3D en todos os centros de secundaria. Tamén se estableceron marcos estables de colaboración con entidades e sociedade civil, e desenvolvéronse outras accións (como os propios Club de ciencia) que teñen como principal obxectivo estimular o espírito científico entre a mocidade.
Ademais, este curso 2017/18 a Consellería puxo en marcha a Semana STEM , na que participaron 300 alumnos/as –, introduciu os kits de Robótica en 112 centros de Primaria e estableceu un plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os coñecementos dos docentes nesta materia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.