En marzo de 2016 a Comisión Europea, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada galega Lídia Senra denunciando o verquido de residuos asfálticos en Ferrolterra por parte empresa Bentum Recycling Centrale, apuntou ao incumprimento da Directiva 2008/98/CE, pero afirmou non se poder pronunciar definitivamente até ter sido resolto o proceso xudicial activo nese momento na Galiza.
Dado que o Xulgado do Penal N2 de Ferrol xa se pronunciou a través da Sentenza 00212/2017 confirmando a existencia dun delito contra o medio ambiente por parte do importador, e dando orde de retirar as aproximadamente 135.000Tn de residuos acumuladas nun monte do Concello de Cabanas dende ano 2009 -procedentes do porto de Rotterdam-, Senra vense de se dirixir novamente á CE.
Nesta segunda interpelación -adxunta- subliña que a investigación xudicial afirma que se importaron ao porto de Ferrol 800.000Tn de residuos asfálticos empregados en obras de administracións públicas e privadas, sen que ninguén informara sobre o cumprimento da directiva para asegurar a descontaminación das superficies contaminadas.
Ademais, contrariamente ao exposto na sentenza, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística legalizou o acúmulo urbanísticamente ao considerar estes residuos como áridos, “sen ter en conta que a Ría de Ferrol foi clasificada como sensíbel e, por se fora pouco, sen proceder á súa retirada pese á orde xudicial”, denunciou a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL).
Dada a gravidade desta situación e a finalización do proceso xudicial en marcha, Lídia Senra, plantexa á CE a pertinencia de que considere iniciar una investigación sobre a posíbel infracción do establecido pola normativa comunitaria relativa á xestión de residuos, así como de levar adiante investigacións que clarifiquen en que condicións reais está a ter lugar o tratamento, transporte e depósito de residuos tóxicos entre os Estados membro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.