A Xunta activa apoios por 8,5 M€ para impulsar a contratación de máis de 500 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre ata o 28 de outubro o prazo de presentación de solicitudes destas axudas, coas que se financiará a contratación durante 9 meses a tempo completo
Publicado por o día 29/09/2019 na sección de Emprego

A Xunta activa apoios por 8,5 M€ para impulsar a contratación de máis de 500 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de abrir, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro, ao que se destinan 8,5 millóns de euros. Con esta iniciativa prevese apoiar a contratación de máis de 500 persoas en preto de 170 entidades sen ánimo de lucro, que poderán solicitar a súa participación ata o vindeiro 28 de outubro.

O obxectivo do programa é a mellora da empregabilidade e o fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais. A actuación ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional durante 9 meses a tempo completo para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral. Estímase unha axuda media por entidade de preto de 51.000 euros.

Como xa sucedera na anterior convocatoria, nesta edición destínanse 3 millóns de euros do orzamento global da orde de axudas para as entidades que desenvolven proxectos singulares, é dicir, as que prestan servizos a outras entidades, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal.

Este programa, que forma parte da Axenda 20, dá continuidade ás políticas activas de emprego dirixidas a favorecer a calidade do mercado laboral. A actuación, ademais, compleméntase coas axudas para a contratación nas entidades sen ánimo de lucro de menores de 30 anos incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil, unha iniciativa que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e que se resolverá nas próximas semanas.