Convocan ás empresas a un encontro para avanzar no desenvolvemento de tecnoloxía ‘made in Galicia’

Na xornada, organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, informarase sobre a invitación para que as compañías acheguen solucións baseadas en máquinas e bens de equipo
Publicado por o día 29/09/2019 na sección de Xunta de Galicia

Convocan ás empresas a un encontro para avanzar no desenvolvemento de tecnoloxía ‘made in Galicia’

Empresas e agrupacións empresariais están convocadas ao encontro que terá lugar o próximo 3 de outubro en Santiago de Compostela para a dar a coñecer a invitación que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, vén de abrir co obxectivo de que o tecido industrial galego achegue solucións industriais baseadas en máquinas e bens de equipo.

No taller, que se celebrará no Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, 107) a partir das 11 horas, ofrecerase información detallada da invitación, que vén de publicar o Diario Oficial de Galicia e cuxo prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 22 de outubro.

A Xunta continúa así o desenvolvemento da nova liña de axudas Maquinaria 4.0, posta en marcha para incentivar aos fabricantes de maquinaria a desenvolver produtos que dean resposta a necesidades concretas, reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra local, nacional e internacional de tecnoloxía made in Galicia.

O novo programa enmárcase na nova folla de ruta trazada pola Axenda Industria 4.0, que, ademais do reforzo dos programas xa en funcionamento, inclúe novas iniciativas de actuación para o desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0, co fin último de impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e a dixitalización das pemes galegas.