Convócanse as axudas para a realización de festivais de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado

A liña de subvencións está dirixida a organizacións sen ánimo de lucro e a concellos ou agrupacións de concellos
Por o 29/03/2018 | Sección: Cultura
Convócanse as axudas para a realización de festivais de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado
Compartir en:

A Consellería de Cultura e Educación promove unha nova convocatoria de subvencións destinadas a organizacións sen ánimo de lucro e concellos ou agrupacións de concellos para os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018. A contía total das axudas ascende aos 50.000 euros e o prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de abril.

A orde de axudas, convocada pola Secretaría Xeral de Cultura, ten por obxecto as actividades destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia. Quedan especificamente excluídas as programacións culturais de carácter xeral, os cursos e actividades de formación e divulgación, os proxectos académicos, gremiais ou conmemorativos, os premios e as galas, as actividades internas das entidades e as lúdico-deportivas, as festas patronais, as feiras sectoriais e as actividades de promoción turística.

A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros, que ascende ata os 7.500 euros no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais. En ningún caso poderán exceder o 70% do orzamento total do proxecto a realizar.

Beneficiarios e avaliación

Poden solicitar as axudas as organizacións sen fin de lucro que teñan como obxecto social a dinamización da cultura galega, con representación en Galicia e que realicen nesta comunidade a maior parte das súas actividades. A presentación de solicitudes pode realizarse de xeito individual ou agrupadas baixo calquera fórmula, sempre que acrediten a realización conxunta do evento para o que se pide a axuda.

A comisión de avaliación valora a antigüidade do evento, os seus premios ou o público que conseguiu en anteriores edicións. A súa repercusión tanto en medios coma na contorna tamén se teñen en conta. Ademais, o interese, a singularidade e a relevancia da actividade, así como que contribúa á captación e creación de novos públicos achegan tamén puntos para a avaliación, o mesmo que o nivel de autofinanciamento. No caso das entidades locais, terán prioridade os proxectos de entidades resultantes da fusión de municipios e agrupacións de concellos.

As bases da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180328/AnuncioG0164-190318-0001_gl.html

Subvencións a festivais de artes escénicas e de música profesionais

Así mesmo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, convoca hoxe as subvencións a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional, para as que se destinan un total de 460.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes remata tamén o día 30 de abril e as bases poden consultarse no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180328/AnuncioG1097-160318-0004_gl.html

Apoio a 33 entidades en 2017

O pasado ano 2017, Cultura e Educación apoiou as iniciativas de 21 asociacións culturais e 12 concellos para realizar festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado a través desta liña de subvencións convocada pola Secretaría Xeral de Cultura. En canto á modalidade de festivais musicais, apoiáronse eventos consolidados no panorama da cultura de base en Galicia, como o Festival de Bandas de Música de Galicia de Vila de Cruces, os Xoves Musicais do Grove, o Filandón de Músicas do Courel, o Ribeiro Blues WineFestival, o Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía, o Felipop ou o Revoltallo de Música.

Dentro do ámbito escénico, subvencionáronse festivais e mostras como o das Artes Escénicas de Riós, a Semana de Teatro de Catoira, as Tardes de Teatro no Inverno e mostras de teatro amador como a de Vedra ou a de Palas de Rei. Tamén se concederon axudas para eventos literarios como o Festival dos Eidos ou para encontros de arte e cultura de vangarda como Gadélica.