O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o inicio das obras da nova glorieta de acceso á praia de Areas na PO-308 ao seu paso por Sanxenxo.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Telmo Martín, así como do xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e do xefe da Axencia de Infraestruturas, Fausto Núñez.
Esta nova glorieta forma parte do proxecto de mellora da PO-308 entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, entre os puntos quilométricos 12+450 e o 15+200, unha intervención que conta cun investimento de máis de 420.000 euros.
José Manuel Cores Tourís recordou que se trata dun proxecto que define as actuacións para a mellora da seguridade viaria nun treito de concentración de accidentes, redactado no marco da estratexia que está a desenvolver a Xunta para eliminar os chamados “puntos negros” na rede autonómica de estradas. “Non podemos esquecer que falamos dunha estrada cunha media diaria de 18.000 vehículos, que se incrementa moito na época do verán”, engadiu o responsable territorial.
A construción desta glorieta ten lugar na intersección do punto quilométrico 13+760 coa estrada provincial de acceso á praia de Areas, “xa que neste lugar existe un cambio de sentido con carril central de espera que non ten eliminado a accidentalidade da intersección”, engadiu o delegado territorial.
A rotonda contará con dous carrís de 4 metros de ancho cada un e beiravías dun metro. O seu radio exterior será de 14 metros, mentres no interior haberá un illote central e unha zona empedrada contigua de catro metros.
O proxecto continuará desde o punto quilométrico 12+760 ao 13+700, na zona da curva dos Cotos, renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención.
Ademais, ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus existentes no treito, para evitar que os autobuses interfiran o tráfico durante as paradas. Executarase algún pequeno tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo.
Tamén se modificarán as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade e reforzarase a sinalización de limitación de velocidade e nos pasos de peóns para facilitar a súa percepción.
Cabe salientar que tras a información pública se introduciron no proxecto pequenas modificacións para atender as solicitudes das asociacións de ciclistas, tendo en conta que o treito obxecto da actuación forma parte dunha ruta ciclista cualificada coma protexida pola Dirección Xeral de Tráfico. Neste sentido, sinalizarase a presenza de ciclistas no tramo e substituiranse os fitos de aresta inicialmente previstos nas interseccións para evitar o aparcamento pola ampliación da beirarrúa nos cruzamento.
Levantamento de actas previas
Por outra banda, Cores Tourís tamén recordou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, convocou recentemente para o día 29 de outubro aos titulares dos terreos necesarios para a mellora da seguridade viaria desta estrada PO-308 de cara ao levantamento de actas previas.
Os propietarios das fincas deberán acudir o citado día ao salón de plenos do Concello de Sanxenxo, rúa Consistorio, 4-6, das 10.00 ás 14.00 horas, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace pódese consultar á información:
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.