Cuntis acolle o vindeiro sábado un roteiro literario ao redor da figura de Roberto Blanco Torres

Estará guiado por Marcos Seixo, que leva preto de trinta anos investigando e compilando a súa obra literaria e xornalística
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Cuntis acolle o vindeiro sábado un roteiro literario ao redor da figura de Roberto Blanco Torres

A  figura do escritor e xornalista nacido en Cuntis, Roberto Blanco Torres, será o fío condutor do roteiro literario que o vindeiro sábado guiará nesta localidade o investigador e historiador Marcos Seixo. Este roteiro, que forma parte dun conxunto de sete paseos literarios pola provincia organizados polo departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, aínda ten prazas libres polo que as persoas interesadas en participar poden inscribirse no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal.

A iniciativa foi presentada esta mañá polo propio Marcos Seixo, polo concelleiro de Cultura de Cuntis, Diego Torres, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. “Este itinerario é moi interesante porque vai facer fincapé nunha figura senlleira do xornalismo en galego feito nunha época na que era moi complexo ter medios no noso idioma no país” asegurou o deputado nacionalista. Leal insistiu en que “o percorrido nos vai permitir dignificar todo ese traballo que quedou truncado co alzamento fascista do 36, e actualizalo e ver como segue estando presente hoxe en día”. Por último, tamén indicou que “tal e como está concibido, atendendo aos puntos polos que vai pasar e nos que se vai deter, vai supoñer unha simbiose entre o autor e o patrimonio”.  Pola súa banda, Diego Torres aproveitou para “animar á veciñanza de todos os concellos da comarca para que participen e coñezan un pouco máis da nosa cultura e da figura de Blanco Torres”.

Roberto Balnco Torres foi un xornalista e escritor en lingua galega que abandonou Cuntis de mozo, tras a morte do pai, para reunirse con seus irmáns maiores en Cuba. Acabaría voltando a Galiza en 1916 asentándose na Coruña e formando parte das Irmandades da Fala e, tras o alzamento fascista, foi fusilado en 1937. “Foi un home moi itinerante pero sempre volveu a Cuntis pasar longas tempadas” explicou o investigador Marcos Seixo. Así, o percorrido do vindeiro sábado comezará no lugar onde naceu Roberto Blanco Torres, na rúa da Presiña, e continuará polo antigo Concello e pola casa do que fora médico e alcalde Vicente Carballo como mostra “dos lugares de contacto represivo do 36” afirmou Marcos Seixo. O historiador tamén indicou que se visitará a casa de Coriña, a irmá de Roberto, na que se hospedaba cando ía de visita a Cuntis. “A última estancia documentada que teño de Roberto na casa de súa irmá data do San Martiño de 1935, que veu a Cuntis con motivo da matanza dese ano” asegurou Seixo, que leva ao redor de tres décadas investigando a obra e a pegada de Blanco Torres en Cuntis. Outros lugares nos que fará paradas serán a casa do xornalista e crego Xosé Toubes, fundador do Ideal Gallego, o antigo casino, o cine Victoria, e o pazo de Ximonde, hoxe Casa da Cultura que precisamente leva o nome de Roberto Blanco torres. O itinerario rematará diante do busto de Blanco Torres realizado polo escultor de Cuntis Elisardo Pego con motivo da dedicación do Día das Letras Galegas ao escritor en 1999.

O roteiro de Cuntis  é o terceiro dos sete que este ano organiza a Deputación – xa tiveron lugar os de Moaña e Vilagarcía de Arousa-. O cuarto dos percorridos programados terá lugar en Vigo o sábado 15, leva por título ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’ e estará guiado por Ledicia Costas. Ao sábado seguinte, 22 de setembro, será Susana S. Aríns a que guíe o roteiro ‘seique, quando os passeios eram morte’ que descorrerá por diversos puntos de Ribadumia, Meis e Barro. O sábado 29, Marga do Val será a encargada de guiar o roteiro ‘Tui na literatura galega’; e por último, o sábado 6 de outubro, Lucía Novas encabezará o roteiro dedicado a Johan Carballeira pola vila de Bueu.