Cursos intensivos de lingua galega no Grove preparatorios para as probas Celga 2020

As clases comezarán o luns 10 de febreiro
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Galicia,O Grove

Cursos intensivos de lingua galega no Grove preparatorios para as probas Celga 2020

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería Cultura, vai poñer en marcha uns cursos de galego gratuítos para persoas adultas co fin de preparar o alumnado para as probas Celga deste ano.

A matrícula xa está aberta e pódese inscribir nesta actividade calquera persoa maior de 16 anos (ou que os cumpra en 2020) que desexe adquirir ou mellorar os seus coñecementos sobre o noso idioma.

Os cursos, de 50 horas lectivas, teñen unha perspectiva de interculturalidade e diversidade, polo que poderán asistir persoas galegas e estranxeiras. Así pois, os seus contidos estarán dirixidos tanto a quen teña como obxectivo obter formación para presentarse aos Certificados en lingua galega (Celga), como a quen queira simplemente iniciar ou mellorar os seus coñecementos sobre a lingua propia de Galicia.

O prazo de inscrición nestes cursos remata o vindeiro 7 de febreiro (incluído) e as clases comezarán o luns 10 dese mesmo mes, en horario de mañá ou de tarde, segundo sexa a maior demanda do alumnado.

Como en anos anteriores, as clases vanse impartir polo persoal do SNL e as prazas están limitadas a un máximo de 20 persoas por grupo.

Máis información e inscricións, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove, situado no terceiro andar do edificio administrativo municipal (rúa Alcalde Xacobe Barral Otero, 3), no teléfono 986 733 190 (de 9.00 a 14.00 h) ou enviando un correo ao enderezo electrónico [email protected].