Deporte cos pés a remollo

Ofértase flyboard, paddlesurf, rafting, surf, wakeboard, windsurf e un combinado de kaiak, andaina e snorkel
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Deporte cos pés a remollo

Coa chegada do bo tempo ábrese tamén o abano de actividades deportivas para practicar ao aire libre, entre elas modalidades acuáticas no medio mariño. O programa Augaventura Campus Mar Life, que impulsan Área de Benestar, Saúde e Deporte e o Campus do Mar, ten precisamente como obxectivo fomentar a práctica de actividade física nunha contorna acuática e ofrece na súa quenda de primavera sete alternativas para todos os gustos, condicións físicas e niveis de preparación. Para os meses de marzo e abril están programas varias datas para achegarse ao flyboard, paddlesurf, rafting, un combinado de kaiak, andaina e snorkel, bautismo de surf, wakeboard e windsurf.

Poden tomar parte no programa as persoas que forman parte da comunidade universitaria, tanto alumnado como PDI e PAS, así como das institucións que integran a agrupación de I+D do Campus do Mar. Esta iniciativa ofrece unhas condicións máis vantaxosas para a práctica deste tipo de actividades, que precisan de infraestruturas e materias especializados, e organízase unha quenda en outono e outra en primavera e entre ambas adoitan participar máis de 250 persoas.

As actividades arrancarán co comezo da primavera

As primeiras actividades arrancan a fin de semana do 24 e 25 de marzo e estenderanse ata finais de abril. Os prazos de inscrición varían segundo as datas das actividades. No caso do flyboard, que se organiza en colaboración con Tierra y Mar, haberá dúas quendas, unha o 24 de marzo e outra o 21 de abril, a primeira no Club Náutico de Raxó e a segunda no Liceo Marítimo de Bouzas, onde os participantes recibirán o material preciso así como unhas nocións previas para conseguir poñerse en pé co impulso dos chorros de auga. O prezo varía entre os 12 euros para as persoas con abonos deportivos e voluntariado do Campus do Mar e 18 euros para o resto da comunidade universitaria.

Para os que prefiran unha actividade con menos adrenalina, os sábados 21 e 28 de abril, en colaboración con Marexada, impartiranse dúas sesións de iniciación ao paddlesurf, a primeira na praia do Vao e a segunda no río Lérez. Esta modalidade consiste en desprazarse a remo mentres se permanece de pé sobre unha táboa de surf e os prezos varían entre os 10 e os 15 euros, segundo sexa unha persoa abonada ou voluntaria ou outros membros da comunidade universitaria.

Para os que prefiran o río, pero con augas revoltas, os días 23 de marzo e 20 de abril haberá dúas saídas a Arbo para facer rafting no Miño, en colaboración con Arrepións. O prezo varía entre os 10 e os 15 euros e inclúe transporte, material e unha sesión teórica previa, así como un Cd con fotografías do descenso. Outra alternativa para un día de primavera é a ruta á illa de San Simón que combina kaiak, andaina e snorkel. Neste caso haberá unha soa data, o 24 de abril, en colaboración co club Marexada, saíndo da praia de Cesantes para realizar unha travesía en kaiak pola enseada de San Simón, facendo varias paradas ata chegar á illa. Alí realizarase un percorrido guiado a pé para saír despois ata os illotes de San Bartolomé e San Norberto, onde as e os participantes mergullaranse en superficie para coñecer a lenda dos naufraxios de Rande. O prezo vai dos 7 aos 10 euros.

De volta ao mar, os días 1 e 29 de abril celebraranse dous bautismos de surf da man de Prado Surf Escola, na praia de Patos, en Nigrán, con prezos entre os 3 e os 5 euros. Os domingos 25 de marzo e 22 de abril, con Tierra y Mar como entidade colaboradora, haberá dúas oportunidades de probar o wakeboard, esquí acuático sobre tabla. A primeira data será no Club Náutico de Moaña e a segunda no Liceo Marítimo de Bouzas e os prezos varían entre os 7 euros para abonados e voluntarios e os 10 euros para as demais persoas.

Finalmente, Augaventura complétase con clases de windsurf o 10 de abril no Liceo Marítimo de Bouzas en colaboración con Tierra y Mar e con prezos de 7 e 10 euros para as persoas con abonos deportivos e voluntarias de Campus do mar e para o resto da comunidade universitaria, respectivamente.