En pouco máis dun mes comezará a primavera e, de cara á chegada do bo tempo, o Servizo de Benestar, Saúde e Deporte volve deseñar un programa de actividades ao aire libre que inclúe as modalidades marcha nórdica, parapente, pontismo e paracaidismo. Esta iniciativa, denominada Delecer e destinada ás persoas que forman parte da comunidade universitaria, pretende ofrecer a posibilidade de practicar deportes que non están ao alcance de todos polas necesidades de infraestruturas. Cada unha das actividades celebrarase en varias datas con varios grupos nos meses de marzo e abril.
A primeira das actividades en arrancar será a marcha nórdica, para o que a Universidade conta coa colaboración do club Marcha Nórdica de Galicia, que proporcionará os bastóns. Desenvolveranse dúas sesións, unha o 24 de marzo no campus de Pontevedra e outra o 25 no de Ourense, e a data límite de inscrición en ambos casos é o 15 de marzo. O prezo da matrícula é de 14 euros con abonos deportivos e 17 para o resto da comunidade universitaria.
Xa no mes de abril, o segundo e o cuarto fin de semana están programas as sesións de parapente, en colaboración do Club Nortada. Neste caso o lugar de celebración será Santa María de Oia e as datas límite de inscrición son o 4 e o 18 de abril respectivamente. O prezo é de 37 euros con abonos e 46 euros para as persoas que carezan deles.
Tamén en abril, os días 7 e 28, a comunidade universitaria poderá experimentar a adrenalina do pontismo, actividade organizada en colaboración con Turnauga que terá lugar na ponte sobre o Miño en Arbo. Os prezos, de 14 e 17 euros, inclúe o transporte en autobús dende Vigo e Pontevedra e, entre os participantes sortearanse cinco actividades de balde a elixir entre rafting no río Ulla, kaiak en Arousa ou barranquismo na Pobra do Caramiñal ao longo de 2018. Organizaranse dous grupos, un para o 7 de abril e 28 de abril (22 de marzo e 17 de abril datas límite de inscrición).
Finalmente, o Delecer complétase coa práctica de paracaidismo os días 21 e 22 de abril en colaboración co Paraclub Galsur. A saída do voo será dende o aeródromo de Palmeira en Braga, Portugal, e o prezo varía entre os 140 euros para as persoas aboadas e os 160 para a matrícula xeral. A data límite de inscrición é o 6 de abril.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.
Una respuesta para "Deportes de alta intensidade para o tempo libre"