Deputación e ABANCA renovan o Plan Activamos que xa achegou máis de 180 millóns de euros en crédito á provincia

No último ano formalizáronse ao amparo deste plan máis de 1.800 préstamos, por un importe global de 43,7 millóns de euros a autónomas e autónomos, pemes e familias da provincia
Publicado por o día 19/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Deputación e ABANCA renovan o Plan Activamos que xa achegou máis de 180 millóns de euros en crédito á provincia

A Deputación de Pontevedra e ABANCA renovaron esta mañá o Plan Activamos cunha nova liña de crédito de 50 millóns de euros destinada a financiar, en condicións melloradas respecto ao mercado, a pemes, autónomas e autónomos, familias e corporacións locais da provincia. Este programa financeiro inicia a súa cuarta edición consolidado como unha ferramenta clave na inxección de crédito ao tecido produtivo pontevedrés. Nos seus tres anos e medio de vixencia, este plan permitiu impulsar o desenvolvemento socioeconómico da provincia con 180,9 millóns de euros. En total, formalizáronse ata a data 7.895 operacións de crédito, na súa gran maioría para financiar investimentos ou atender necesidades de tesourería de persoas emprendedoras, pemes e persoas autónomas da provincia. No último ano, no marco deste programa pecháronse 1.810 préstamos na provincia, por un importe global de 43,7 millóns de euros.

Tras rubricar o convenio de renovación do plan, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, acompañados pola directora territorial do banco en Pontevedra, Carmen Fernández Penas, expuxeron as principais cifras alcanzadas e as distintas modalidades do programa financeiro, que nesta edición incorpora como novidades o incremento de 100.000 a 200.000 euros do importe financiable e o aumento dos prazos de amortización ata os 10 anos nos préstamos a pemes e persoas autónomas.

A presidenta Carmela Silva, manifestou a súa satisfacción “porque Pontevedra é a provincia que lidera o número de operacións que supoñen o 40 % de todas as que se levan a cabo en Galicia. A nosa provincia estase a impulsar, sinalou, volvemos estar en situacións de crecemento. Hai dinamismo, proxectos e ideas que precisan financiamento”. De feito, nos dous últimos anos  ABANCA concedeu máis de 100 millóns de euros, en 2016 máis de 56 millóns e en 2017 preto de 44 millóns. “Se temos en conta os datos de 2014 e 2015, dixo a presidenta, os do 2016 e 2017 son moi relevantes: un 25 % máis nos importes e un 33 % máis de operacións”.

A presidenta felicitou a ABANCA polas novidades de este ano e destacou especialmente os préstamos para a rehabilitación de vivendas no medio rural “porque temos un gran compromiso para manter a poboación e para iso a vivenda é un dos instrumentos fundamentais. Con estes recursos, dixo Carmela Silva, ABANCA apoia que poida haber calidade de vida neste entorno para manter a poboación, para coidar o medio ambiente, evitar os lumes e que quen vivimos nas urbes teñamos a seguridade de que se mantén o noso patrimonio ambiental”.

Pola súa banda, o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, afirmou que “esta alianza estratéxica coa Deputación de Pontevedra vai permitir seguir contribuíndo ao progreso socioeconómico da provincia a través da achega de crédito en condicións vantaxosas”. “Non é un plan dun só ano, senón unha oferta de crédito tanxible, de continuidade e sostida no tempo para atender necesidades de financiamento e facer realidades proxectos das empresas e familias”, sentenciou.

Na mesma liña, Carmen Fernández explicou que “en todos os casos, trátase de crédito flexible e en condicións especiais, a baixo tipo de xuro, sen comisións de estudo, amortización nin cancelación e tamén con carencias nalgunhas modalidades”. “É un programa que contribúe de maneira decidida á mellora competitiva da provincia, pois máis do 98 % do crédito destinouse a pemes e autónomos”, destacou a directora territorial de ABANCA en Pontevedra.

Apoio ao tecido empresarial

As pemes, micropemes, autónomas e autónomos son as e os principais beneficiarios do Plan Activamos. O programa oferta para este segmento crédito para a posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos empresariais, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos negocios e cobre tamén necesidades de circulante.

Para as familias, esta iniciativa de financiamento oferta préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións do rural.

Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e atender necesidades de tesourería, sen esquecer que teñen á súa disposición avales e liñas de confirming con tarifas especiais.