Deputación e ONGS galegas impulsan a mostra “Tecedoras do cambio” que pon rostro a mulleres líderesas do cambio en países en desenvolvemento

Son un total de 23 fotografías de 23 mulleres que loitaron e loitan a diario por unha vida digna en países de América Latina, África e Asia
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Deputación e ONGS galegas impulsan a mostra “Tecedoras do cambio” que pon rostro a mulleres líderesas do cambio en países en desenvolvemento

Dende hoxe pode verse na entrada do Pazo Provincial, en Pontevedra, a mostra “Tecedoras do cambio”, unha iniciativa da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento en colaboración coa Deputación de Pontevedra para visibilizar o traballo que están liderando moitas mulleres para acadar cambios nos países en desenvolvemento. A exposición componse de 23 fotografías que amosan os rostros e as historias de 23 mulleres lideresas comunitarias que loitaron e loitan a diario por unha vida digna en distintos países de América Latina, África e Asia.

A presentación da mostra contou coa participación da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e coa vogal da Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento, Lorena Seijo. Ao acto tamén asistiu a Deputada de Cohesión Social, Digna Rivas. A presidenta destacou que durante estes días “a entrada da Deputación énchese de miradas de mulleres que están loitando en todo o mundo  polos seus dereitos, pero tamén están loitando por transformar o mundo. A loita destas mulleres é pola igualdade, polos nosos dereitos, por ocupar os espazos que nos corresponden, pero tamén é unha loita por transformar este sistema inxusto tanto tempo liderado por homes”.

Silva salientou que esta mostra fala de mulleres lideresas nuns países moito máis complicados para as mulleres, “se no mundo occidental xa nolo poñen difícil, non con teitos de cristal senón con teitos de cemento armado, pois nos países en desenvolvemento aínda o teñen moito máis difícil. Por iso é moi necesario poñerlle rostro a estas mulleres empoderadas que, contra vento e marea, están construíndo espazos para a igualdade, pero tamén para o desenvolvemento económico dos seus pobos”.

A presidenta tamén quixo facer fincapé en que esta Deputación, non só ten como obxectivo prioritario a loita pola igualdade das mulleres, “ademais tamén estamos comprometidos co desenvolvemento no mundo. Nós cremos profundamente nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, todo o mundo fala deles, pero hai que deixar de falar e tomar iniciativas para pasar das palabras ás accións”. Silva lembrou que, mentres que o anterior Goberno provincial destinaba cero euros a cooperación, agora “colaboramos con axudas de emerxencia, integrámonos no Fondo Galego de Cooperación e colaboramos coa Coordinadora Galega de ONGS”.

A vogal da Coordinadora Galega, Lorena Seijo, enxalzou a importancia do apoio da Deputación a esta iniciativa, xa que “nós cremos firmemente en que todas as Administracións teñen moito que facer na loita pola xustiza social, tanto a nivel local como a nivel global”. Con esta proxecto, destacou que “non pretendemos pór en valor o traballo das ONGS galegas a nivel internacional nos países onde estamos, senón que queremos pór en valor o que podemos aprender mutuamente porque está claro que a loita feminista, como todas as loitas, ten que ser global”.

“Tecedoras do cambio” está composta por 23 fotografías de 23 mulleres lideresas das comunidades en 14 países nos que están a traballar as ONGS da Coordinadora galega. Son imaxes para visibilizar o seu papel e tamén para servir de espazo de reflexión e sensibilización e para promover o pensamento crítico e a mobilización social. A exposición pode verse dende hoxe ata o vindeiro 21 de novembro na entrada do Pazo Provincial.

Dentro deste mesmo obxectivo de visibilización e mobilización social, a mostra vaise completar coa xira “Mulleres que mudan o mundo”, na que dúas activistas guatemaltecas percorrerán distintos concellos da provincia para pórlle rostro e voz á loita destas mulleres lideresas polo cambio nos países en desenvolvemento.  Juventina López e Manuela Xocol estarán na provincia dende o 21 de novembro ata o 28 para dar a coñecer de primeira man a situación que se vive neses países e estimular, ao mesmo tempo, o pensamento crítico e a implicación social. A xira componse de charlas en Pontevedra, Vigo, Cangas, Caldas de Reis e O Grove; e de actos en institutos educativos de Vigo, Silleda, Lalín e Vilagarcía de Arousa.

Actividades