A Deputación presenta “Rompe. Xoga en igualdade”, unha impactante mostra “de barbis intervidas” para golpear as conciencias ao abeiro do 8 de marzo

Carmela Silva definiu a exposición de “vangardista e rompedora” e asumiu que “sei que vai traer críticas, pero as críticas incluso as destrutivas, serven para cambiar o mundo”
Publicado por o día 01/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación presenta “Rompe. Xoga en igualdade”, unha impactante mostra “de barbis intervidas” para golpear as conciencias ao abeiro do 8 de marzo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelarias, e ás artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, presentaron esta mañá a exposición “Rompe. Xoga en igualdade”, unha mostra que utiliza a famosa boneca “Barbi” para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes.  A iniciativa, que se inaugurará o vindeiro mércores, 7 de marzo, ás 12.00 no vestíbulo do Pazo Provincial, forma parte da programación impulsada pola institución con motivo do Día Internacional da Muller que comezará este venres coa celebración do encontro “Mulleres columnistas. As mulleres que opinan son perigosas”.

“Rompe. Xoga en igualdade” trátase, en palabras da presidenta da Deputación, dunha “exposición vangardista, unha exposición para golpear as conciencias, para facer pensar e reflexionar e que, sen dúbidas, non vai deixar a ninguén indiferente”. De feito, Carmela Silva asegurou que “estou segura que a mostra vai traer críticas pero as críticas, incluso as destrutivas, serven para cambiar o mundo se detrás hai un gran proxecto como esta exposición, que rompe eses teitos de cristais e cemento armado que sufrimos as mulleres cada día dende que nacemos”.

A mostra consta de 18 paneis cheos de “poesía visual para cambiar o mundo”, como destacou Silva, que foron postos en marcha por Isabel Blanco e Irene Silva, con fotografías de Noemí Chantada. A presidenta da Deputación asegurou sobre a mostra que “non vai haber ningunha administración en todo o Estado que vaia facer un acto tan rompedor como este. Así que, o día 7 de marzo, o Pazo Provincial vaise encher de mensaxes e ideas a prol da igualdade nesta exposición que vai chamar moito a atención”.

As protagonistas son as bonecas “Barbis” que foron intervidas para amosar, segundo informou a presidenta provincial, “as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que vivimos as mulleres dende nenas, recalcando na importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación das nenas e dos nenos”. Así, haberá paneis que recollan temas como a beleza, a casa, a escola, a muller floreiro, garabatas, a golpeada, o matrimonio infantil, o mundo, as princesas, a prostitución, o reloxo, o traballo, a voda ou os zapatos de tacón.

A presidenta da Deputación explicou que a selección de “Barbis” para a mostra responde aos datos que poñen de manifesto que “se trata da boneca máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas do mundo pero, ao tempo, é unha boneca que transmite valores sexistas, que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos”. Carmela Silva tamén indicou que a boneca “non representa a unha muller real, senón que presenta a unha muller obxecto, con todo o que iso supón para o desenvolvemento das nenas e mozas, dos nenos e dos mozos”.

Deste xeito, a través da visualización de imaxes de “Barbis” intervidas preténdese “romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade de que a igualdade, o fin da discriminación e da violencia contra o 52% da poboación son necesarias para construír sociedades xustas e democráticas”, asegurou a presidenta. E, para elo, diante de cada panel situarase un martelo co fin de trasladar “a idea de romper coa desigualdade e traballar arreo para evitar a invisibilidade á que se nos somete poñendo en valor que as mulleres somos, estasmos en todos os sectores da sociedade e en todos os eidos e conseguimos o que nos propomos, sempre que teñamos espazos, recursos e se nos permita dende a sociedade construír todo aquelo que queremos que é a igualdade”.

Carmela Silva felicitou a Isabel Blanco e Irene Silva pola “marabillosa e espectacular idea, polo voso traballo de defensa dun mundo diferente, máis xusto, ao lado da cultura, que ten ese grande poder de transformación”. Tamén destacou a “intelixencia de Isaura Abelairas, por ser capaz de escoitar á sociedade, ás mulleres potentísimas que temos na provincia, moi comprometidas coa cultura e a igualdade, con construír unha sociedade xusta, igualitaria e democrática”.

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, puxo en valor que “a mostra é unha suma de sinerxías de mulleres que se dedican á cultura, á educación, a diferentes campos e reman todas xuntas cara a mesma dirección”. Pola súa banda Isabel Blanco destacou que a mostra xorde “da necesidade de expresar o que cremos para cambiar o mundo” e Irene Silva enxalzou o seu carácter “de denuncia para reparar na situación de desigualdade que vivimos as mulleres e romper con ela para xogar en igualdade”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que os actos programados pola institución provincial con motivo do día 8 de marzo comezan esta fin de semana co encontro de “Mulleres Columnistas”, continúa coa inauguración da exposición, o 7 de marzo ás 12.00 no Pazo Provincial, e o día 8 coa lectura dun manifesto e o paro de todas as mulleres da institución provincial. “Queremos que a sociedade sexa consciente de que se nos paramos, para o mundo, e que queremos construír unha sociedade mellor, máis xusta, onde todas e todos sexamos iguais”.