Deterxentes biolóxicos creados a partir dos licores de lavado de millo melloran as propiedades físicas de pelo danado

As investigacións do grupo EQ10 deron xa lugar a varias patentes, algunha con extensión europea
Publicado por o día 10/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Deterxentes biolóxicos creados a partir dos licores de lavado de millo melloran as propiedades físicas de pelo danado

grupo de Enxeñaría Química 10 da Universidade de Vigo demostrou xa hai anos que os licores procedentes do lavado do millo presentan uns deterxentes biolóxicos, producidos de xeito espontáneo polos microorganismos que alí medran de forma natural, e cuxo custe estaría moi por debaixo dos deterxentes deste tipo que se comercializan na actualidade no mercado, produtos que alcanzan un valor de ata máis de 1000 euros por gramo. En base a todas estas investigacións, que deron xa lugar a varias patentes, o grupo acaba de rematar un novo proxecto no que puideron comprobar que os extractos biosurfactante extraídos dos licores de lavado de millo logran mellorar as propiedades físicas do pelo danado, “posiblemente debido á súa composición natural, así como ás súas propiedades antioxidantes”, explica a profesora Ana Belén Moldes, investigadora principal deste traballo, xunto ao tamén profesor José Manuel Cruz, coordinadores do grupo EQ10.

“Na actualidade a inclusión de deterxentes biolóxicos na industria cosmética é practicamente inexistente”

Financiado con preto de 150.000 euros procedentes da convocatoria Retos da Sociedade 2015, este proxecto de investigación –titulado Valorización de correntes residuais procedentes do lavado do millo mediante a purificación e utilización de biosurfactantes en produtos de cosmética e coidado persoal– tiña como principal obxectivo incluír estes extractos procedentes do millo en diferentes formulacións cosméticas e de coidado persoal, substituíndo aos deterxentes sintetizados quimicamente. “Na actualidade a inclusión de deterxentes biolóxicos, os denominados biosurfactantes, na industria cosmética é practicamente inexistente debido ao elevado custo da súa produción biotecnolóxica, xa que son metabolitos secundarios que se producen en moi baixa cantidade”, explica Moldes, quen recalca que, neste caso, o extracto biosurfactante extraído dos licores de millo estaría moi por debaixo deses prezos achegándose ao custe dos deterxentes químicos, dependendo do grao de pureza que se queira acadar.

“En algunhas formulacións cosméticas onde se publicita o uso de deterxentes naturais, úsanse deterxentes sintetizados con compoñentes de orixe natural a través de reaccións químicas, que en moitos casos non logran acadar a biocompatibilidade desexada, e que nada teñen que ver coa produción e propiedades dos biosurfactantes obtidos a través de microorganismos”, explica Moldes, quen fai tamén fincapé en que con este proxecto se potencia o uso de materias primas secundarias, favorecendo así a sinerxía industrial entre empresas de distintos sectores “sendo este un dos principais obxectivos que se nos marca dende Europa co fin de lograr unha economía circular e global”, insiste a principal cara visible dun traballo no que tamén participaron as investigadoras Lorena Rodríguez e Miriam Rincón e o investigador Alejandro López.

O nivel de biocompatibilidade conseguido é moi alto

En canto ás características do extracto biosurfactante empregado neste proxecto, a coordinadora explica que está formado por lípidos e aminoácidos similares aos que conteñen as membranas das células biolóxicas, co cal  o nivel de biocompatibilidade que presenta é moi alto, a diferencia dos deterxentes sintéticos. Nesta liña, salientan tamén que o extracto biosurfactante obtido desta corrente residual tamén presenta “propiedades antimicrobianas e antioxidantes o que lle proporciona un maior valor engadido, si cabe”, explica Moldes.

Entre os resultados acadados, este equipo vigués destaca tamén o feito de ter sido quen de conseguir usar este extracto biosurfactante como axente estabilizante na formulación de nanopartículas, abrindo así un novo campo de investigación, relacionado coa formulación de nanomateriais máis biocompatibles, que poden ser de grande aplicación, tanto no campo cosmético como biomédico. “Por outra parte, en colaboración con grupos internacionais, o grupo EQ10 levamos a cabo experimentos de permeabilidade, observándose que este extracto bisourfactante favorece a permeación de principios activos a través das membranas celulares”, subliña a investigadora, quen salienta que das investigacións que se levaron  a cabo, relacionadas coa produción de biosurfactantes e as súas aplicacións xurdiron varias patentes, unha das cales está estendida a nivel europeo, en varios países, con un nivel de desenvolvemento TRL 4 (tecnoloxía validada en laboratorio) ou 5 (tecnoloxía validada en contorna relevante), dependendo do uso do biosurfactante, e nestes intres hai varias empresas interesadas en negociar a licenza da mesma.

Novos campos de aplicación no sector agro-químico e biomédico

Unha vez rematado este proxecto o grupo EQ10 segue metido de cheo nesta liña de traballo, abrindo novos campos de aplicación deste extracto biosurfactante, tanto na industria cosmética, como na biomédica e farmacéutica, así como no sector agro-químico. “A idea é incorporar este biosurfactante en novas formulacións buscando unha maior permeabilidade dos principios activos a través das membranas celulares, o que redundará nunha maior eficacia dos tratamentos, a menores doses de principio activo”, explica Moldes.

Por outra banda, as propiedades antimicrobianas de este extracto biosurfactante fan del un  potencial compoñente nas formulacións de novos biopesticidas. “Xa logramos identificar ao microorganismo responsable da produción deste biosurfactante nos licores de lavado de millo, o que permitirá determinar con maior precisión o seu potencial a nivel industrial”, subliña Moldes.