O Día da Ilustración 2018 homenaxea a Camilo Díaz Baliño

Cultura e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración presentaron hoxe a web dedicada a esta data
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Cultura

O Día da Ilustración 2018 homenaxea a Camilo Díaz Baliño

Camilo Díaz Baliño é o protagonista do Día da Ilustración 2018, que se celebra o vindeiro 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao. Para impulsar a conmemoración deste día, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e a Consellería de Cultura e Educación poñen en marcha a web http://www.diadailustracion.gal/,onde están accesibles os principais recursos vinculados coa data, entre os que destacan o cartel coas actividades que promoven as bibliotecas de xestión autonómica arredor deste día e mais un vídeo sobre Díaz Baliño.

A presentación das iniciativas tivo lugar esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia, nunha rolda de prensa na que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel do Día da Ilustración 2018.

“Con esta data queremos salientar o papel imprescidible que desenvolven os ilustradores e as ilustradoras nas industrias culturais, ao tempo que poñemos en valor a calidade do traballo que se está a realizar en Galicia neste ámbito, recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras”, asegurou Anxo Lorenzo. “Pero esta data –engadiu– quere ser tamén unha homenaxe a aquelas figuras que contribuíron a impulsar no pasado a ilustración galega e a nosa cultura, cuxo labor cómpre recordar e difundir”. Co obxectivo de difundir a vida e obra de Díaz Baliño, a AGPI elaborou un vídeo dedicado ao artista, no que se repasa a contribución desta figura de referencia para a cultura galega nas primeiras décadas do século XX.

A xenialidade truncada

O artista tamén é o protagonista da mostra que organiza a Biblioteca de Galicia para conmemorar o Día da Ilustración, que leva por título Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada. Un total de 54 pezas conforman a exposición, que inclúe libros, debuxos, documentos persoais, fotografías e manuscritos procedentes do arquivo persoal de Díaz Baliño, custodiado na Biblioteca de Galicia.

Unha caricatura de Camilo Díaz Baliño realizada por Álvaro Cebreiro, debuxos orixinais do artista para distintas escenografías, un álbum con fotografías, un manuscrito e debuxos de Díaz Baliño sobre a cabalgata que se celebrou con motivo da celebración do 25 de xullo de 1926, diversos manuscritos de membros das Irmandades da Fala e exemplares de libros con capas deseñadas por el son algunhas das pezas que se exhiben na exposición, desde o 30 de xaneiro ata o 7 de marzo.

O Día da Ilustración nas bibliotecas

O resto de bibliotecas de xestión autonómica tamén se suman á celebración do Día da Ilustración 2018, incluída no Calendario do Libro e da Lectura. En Santiago de Compostela, a Biblioteca Pública Ánxel Casal promove a mostra bibliográfica Debuxar polo conto desde o pasado 22 de xaneiro ata o próximo día 31. O martes 30 tamén organiza o obradoiro Manualidades con tea, a cargo de Patricia Núñez e dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 13 anos de idade.

A ilustradora Noemí López é a encargada de impartir o obradoiro Actores en papel que organiza a Biblioteca Pública de Lugo. O centro lucense tamén exhibe, ata o 30 de xaneiro, a mostra documental Castelao ilustrador.

Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés dedícalle a súa mostra bibliográfica aos ilustradores coruñeses, ademais de organizar, o 27 de xaneiro, un obradoiro de álbum ilustrado a cargo de Xosé Tomás, no que poden participar nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Grandes ilustradores e O álbum ilustrado para adultos son os títulos das dúas mostras bibliográficas que organiza a Biblioteca Pública de Ourense e que se exhiben ata o 5 de febreiro. O centro ourensán completa a súa programación especial arredor do Día da Ilustración con tres obradoiros: un de cómic para rapaces e rapazas de 12 a 20 anos, o 27 de xaneiro ás 11:30 horas, impartido por Iago García; Os pequenos imos ilustrar, a cargo de Susana Villar, o 30 de xaneiro ás 18:30 horas, para nenos e nenas de 4 a 7 anos; e As cousas non son o que parecen, con Sarabela Teatro, o día 27 de xaneiro ás 12:00 horas e no que poden participar rapaces de 6 a 12 anos.

Na provincia de Pontevedra, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase á celebración con dous obradoiros: un de banda deseñada a cargo de María Vilar, que terá lugar o 27 de xaneiro ás 12:30 horas, para nenos e nenas a partir de 6 anos; o segundo, Ilustrar é divertido, impartirao Aurora López o 30 de xaneiro ás 18:00 horas, para nenos e nenas de 4 a 12 anos. O centro pontevedrés tamén organiza a mostra Catro ilustradoras e catro libros: pintando a imaxinación, do 29 de xaneiro ao 10 de febreiro.

Finalmente, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola convida a cidadanía a descubrir, a partir de mañá e ata o próximo 23 de febreiro, a mostra bibliográfica Federico Ribas. Un mundo de ilustracións. Ademais, para os nenos e nenas a partir de 3 anos, organiza un contacontos e obradoiro de debuxo a cargo de Polo Correo do Vento, o 26 de xaneiro ás 18:00 horas.

Todas estas actividades, xunto co cartel e o vídeo do Día da Ilustración, están accesibles na web http://www.diadailustracion.gal/ e na páxina www.cultura.gal