Diana Mera intervén mañá en Gondomar coa peza “Un xardín por (re)construír”, no marco do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero”

Trátase da vixésimo primeira actuación deste programa, que busca visibilizar e concienciar sobre a lacra machista
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Gondomar

Diana Mera intervén mañá en Gondomar coa peza “Un xardín por (re)construír”, no marco do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero”

A directora, actriz e dramaturga Diana Mera ofrecerá a súa acción escénica Un xardín por (re)construír mañá, sábado 28 de setembro, no concello de Gondomar. A intervención artística, que terá lugar, ás 12:00 horas, na praza Doutor Latino Salgueiro e á que asistirán as deputadas provinciais Ana Laura Iglesias e Raquel Giráldez, enmárcase no programa “Mulleres en acción. Violencia zero” da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade.

Na performance Un xardín por (re)construír, Diana Mera centrarase no seu corpo para reflexionar sobre cuestións relacionadas coa promoción da igualdade e a denuncia das violencias machistas que sofren as mulleres.

Este ano 2019 “Mulleres en acción. Violencia zero” volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente ten lugar en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).

Comentar noticia

Your email address will not be published.