O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social para proxectos de atención a persoas en situación de explotación sexual e vítimas de trata

Conta cun orzamento de preto de 485.000 euros e poderán ter axudas as entidades que teñan como finalidade apoiar a súa recuperación e integración social e laboral
Publicado por o día 15/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social para proxectos de atención a persoas en situación de explotación sexual e vítimas de trata

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación social ou laboral na nosa comunidade, para este ano, cun orzamento de 484.579 euros, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

As entidades que poden ser beneficiarias destas subvencións deben estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma. Poderán ter axudas os proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral

Inclúen atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral en asistencia social, legal ou psicolóxica. Asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; e acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada persoa usuaria.

Ademais tamén a atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou conductuais e na procura da súa recuperación persoal e asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, así como para a tramitación de procedementos administrativos. E Orientación e asesoramento laboral, e atención e asesoramento en traballo de rúa.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). O prazo de presentación remata o vindeiro 15 de febreiro.