Dispáranse os contaxios en Galicia tras dúas semanas despois de abrir

Sete novas mortes elevan o total de falecidos en Galicia a 1.319
Publicado por o día 15/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Dispáranse os contaxios en Galicia tras dúas semanas despois de abrir

Galicia volve sumar casos activos logo de 18 xornadas consecutivas en descenso. Hai no país 5.560 persoas contaxiadas (+39), segundo os datos consolidados onte ás 18:00 recollidos na web do Sergas.

O incremento de casos é debido non tanto a un aumento de contaxios (a cifra é mesmo menor á de moitas xornadas de descenso, como as de finais de novembro, por riba dos 400), senón a unha baixada no número de altas, que desta vez foi de 326.

Sobe o número de persoas ingresadas

Tamén se incrementan as hospitalizacións nos centros do país. Segundo os datos do Sergas, permanecen en planta 310 persoas, 13 máis ca onte, e 55 nas UCI, tres máis ca onte. Seguimos en cifras próximas ás de finais de outubro.

O número de persoas falecidas non para de aumentar tampouco. Cos seis falecementos notificados onte polo Sergas, a cifra de vítimas da pandemia en Galicia acada as 1.312 persoas.

Incremento das PCR

Aumenta o número de probas PCR ata as 8.040, a maior cifra do último mes. Son 145 máis ca as probas notificadas onte. Destas, deron positivo 323, o que son cincuenta novos contaxios menos respecto aos de onte (373).

Así, a taxa de positividade desta xornada queda en 4,02%, o que consolida a positividade media da última semana arredor do 4,18%. É case un punto menos do que a OMS rcomenda como limiar máximo para dar a pandemia como controlada.

Por áreas sanitarias

• Vigo: 1.304 (-13)

• A Coruña: 955 (-38)

• Pontevedra: 848 (-3)

• Santiago: 952 (+47)

• Ferrol: 563 (+30)

• Lugo: 486 (-12)

• Ourense: 452 (+28)

Os expertos que asesoran a Xunta pecharán estes martes as normas e recomendacións para as celebracións en Galicia. Saberemos se hai ou non modificacións respecto ás liñas básicas do plan Nadal aprobado polo Consello Interterritorial de Saúde. Pero o comité clínico terá sobre a mesa algúns datos que rompen coa boa evolución da pandemia que analizaron nas reunións previas. Nas vésperas do Nadal preocupa a repunta de contaxios  nas cidades de Ourense e Santiago quince días despois da súa apertura.

Dúas semanas despois de abandonar o peche perimetral e unha despois da ponte da Constitución, os contaxios dispáranse en Santiago e Ourense. Pasaron dunha incidencia da covid duns cen casos por cen mil habitantes a 123 e 136 respectivamente.

“Estamos asistindo na cidade a un incremento dos casos activos. Tamén de xeito paulatino nos últimos cinco días en que se incrementou un 38% o número de casos activos e que coincide desgraciadamente co tempo posterior ao levantamento das restricións”, explicaba o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

A situación destas dúas cidades chega cando xa comezou tamén o proceso de desescalada noutras áreas urbanas. O comité clínico decidirá este martes se ese proceso de apertura continúa adiante ou se revisa.

“Sería tristísimo que na véspera de Noiteboa ou de Nadal houbese que aumentar as medidas de seguridade en Santiago. E á vista da evolución que está tendo non se pode descartar en absoluto”, apuntaba o alcalde da capital de Galicia, Xosé Sánchez Bugallo.

As repuntas nestes e noutros concellos xa frearon lixeiramente a tendencia descendente da pandemia en Galicia, aínda que na toma de decisións dos expertos se teñen en conta máis parámetros e períodos máis longos de tempo.En Sanidade xa advirten que a reunión do comité clínico será longa e complexa.

Debe pechar tamén o documento coas medidas que se aplicarán en Galicia no Nadal, como quedaran as restricións de mobilidade e horarios e as recomendacións para ter unhas celebracións seguras. O plan que ten a Xunta encima da mesa é o “criterio” de limitar os encontros a dúas unidades familiares, sen límite no caso de convivientes, polo que esa será unha das bases sobre as que traballa o comité clínico.

O conselleiro tamén se pronunciou acerca da mobilidade interna en Galicia, posto que todas as cidades excepto Santiago de Compostela e Ourense están actualmente perimetradas.   Neste sentido, dixo que non tería sentido impedir a mobilidade para reunións familiares se, por exemplo, está permitida estes desprazamentos desde fóra da comunidade, pero iso non quere dicir que os perímetros das cidades se vaian a levantar.

 Sobre a mesa do comité clínico estará tamén o plan de vacinación contra a covid-19 posto que, segundo xa avanzou o presidente galego, a previsión é que o analicen os expertos que asesoran á Xunta desde o inicio da pandemia antes de que o aprobe o Executivo autonómico na súa reunión semanal deste xoves, 17 de decembro.   En todo caso, en entrevistas desta fin de semana, Feijóo avanzou que a previsión é que as máis de 20.000 persoas que están internas en residencias da terceira idade de Galicia sexan “as primeiras” en vacinarse.