A Xunta de Galicia vén de conceder os premios extraordinarios Fin de Carreira a 74 estudantes que remataron os seus estudos universitarios no curso 2018-19 nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), 49 dos cales son mulleres (o 66%) e os outros 25 son homes. Por universidades, 30 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela (USC), outros 27 a Universidade de Vigo (UVigo) e 17 á Universidade da Coruña (UDC).
Con este galardóns a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recoñece as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento de Educación destina un orzamento de 339.500 euros. Cada un dos galardoados acada un premio de ata un máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.
Estes premios están dirixidos ao alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.
Ao igual que o ano pasado, o número de premios está determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas titulacións con ata 199 persoas egresadas optan a un premio; as que teñen entre 200 e 299 a dous; entre 300 e 399 a tres; entre 400 e 499 a catro; e as que teñen 500 ou mais a cinco premios.
Por titulacións, a de Administración e Dirección de Empresas acapara o maior número de premiados (con cinco persoas galardoadas), seguida de Educación Primaria (tamén con cinco), e de Dereito (con catro), Educación Infantil (con catro) e Enfermaría (con catro).
O listado de galardoados pode consultarse no Portal Educativo e proximamente sairá publicado no Diario Oficial de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.