Do 29 de marzo ao 6 de abril, a cultura lusófona volverá a ter un protagonismo destacado na programación do campus de Ourense coa celebración dunha nova edición, a novena, de Português Perto. Aquelas nossas músicas. A través da música, do baile, da historia e da lingua, a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral está convidada a achegarse á riqueza cultural dos países lusófonos.
Catro días de programación
A programación, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense coa colaboración da Pró-Academia Galega da Língua Portuguesa, a Associaçom Galega da Língua Agal e a Asociación Cultural Algaravía, arrancará o 29 de marzo coa celebración na sala Emilia Pardo Bazán do campus dunha sesión da festa tradicional itinerante Venrespirar, organizada pola Asociación Cultural Algaravía. A actividade, que terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán, iniciarase ás 20.00 h cun obradoiro de danzas tradicionais portuguesas ofrecido por Ana Silvestre, continuará cun concerto de AnaMarSe Trio e Amoras Maduras e rematará cunha foliada aberta.
O día 1 de abril a actividade retomarase coa colaboración de Agal na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus coa celebración dunha nova edición do obradoiro OPS!, que nesta ocasión leva por título O Português Simples. Seguindo o modelo dos obradoiros celebrados nas anteriores edicións, a sesión, que será impartida pola psicóloga e profesora Graciela Lois, terá un carácter principalmente práctico co obxectivo de que as e os asistentes sexan conscientes das portas que lles abre o galego no mundo, non só desde un punto de vista de enriquecemento cultural senón de desenvolvemento profesional.
A música será o protagonista da programación do día 4 de abril, cando se celebre tamén na sala Emilia Pardo Bazán do campus de Ourense un concerto de hip hop a cargo dos galegos García MC e Dj Mil e de Pegkagboom, Umano e Dj Kosn, procedentes da República Democrática de São Tomé e Príncipe. Por último, a novena edición de Português Perto pecharase o día 6 de abril cun roteiro que partirá ás 10.00 h da Praza Maior e que baixo o nome de Áuria Sueva levará ás e aos participantes a visitar ao longo de todo o día diversos espazos relacionados co pasado suevo tanto en Ourense cidade como en concellos próximos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.