O 5 de abril facíase pública a resolución do Tribunal Superior do Land de Schleswig-Holstein sobre a Orde europea de entrega de Carles Puigdemont. O tribunal alemán acorda que non procede a entrega polo delito de rebelión, e require información complementaria ás autoridades españolas para unha decisión definitiva no que se refire á entrega polo delito de malversación de caudais públicos. O texto orixinal, en alemán, chegou á opinión pública a través dos medios de comunicación, pero segundo os profesores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Marta García e Xosé Manuel Pacho, “o contido da resolución xermana achegaba moitos máis datos e matices” dos que trasladaban as e os xornalistas. De aí xorde a idea de traducir a resolución ao galego, un paso que permite ter acceso ao texto orixinal íntegro. Segundo os docentes, para calquera xurista, incluíndo o estudantado de Dereito, “o acceso ao documento-fonte, nun tema coma este, de tanta transcendencia social, é de sumo interese para coñecer de primeira man a argumentación na que se sustentaba o veredicto”. Neste sentido, consideran que esta é a única vía para “formarnos opinión propia sobre a decisión concreta e tamén ter os elementos precisos de análise das distintas posicións e reaccións sobre o asunto nos medios de comunicación en España”.
A idea orixinal era achegar a tradución ao alumnado da materia de Dereito Penal II do grao en Dereito pero, dada a repercusión do tema, apostaron por darlle máis visibilidade e, finalmente, o texto en galego está dispoñible para a súa consulta na plataforma web da Irmandade Xurídica Galega, da que Xosé M. Pacho forma parte.
Agora García e Pacho traballan na posta en marcha dunha plataforma dentro da Universidade de Vigo na que se poida publicar documentos xurídicos destas características posto que, “con independencia de que despois fagamos publicacións técnicas sobre isto, entendemos que unha sociedade informada dará mellor respostas aos problemas actuais”. Para isto conta co apoio da Área de Normalización Lingüística da Universidade e agardan poder sacala adiante.
Retos da tradución de textos xurídicos
Os docentes recoñecen que “a tradución dun texto xurídico destas características é un reto, porque tratándose de linguaxe xurídica, existen complicacións diversas”. Por exemplo, explican que ao traducir resolucións doutros sistemas xurídicos é doado atoparse con categorías xurídicas ou tipos xurídicos que non teñen equivalencia directa. Outro dos puntos especialmente delicados é o emprego dunha “linguaxe técnica que, en ocasións, dificulta a tradución”. Neste sentido, remarcan, é fundamental estar familiarizados coas institucións xurídicas dun e doutro sistema, “e críamos que iso era o que nós podíamos achegar”.
De feito, Marta García ten unha vinculación directa co alemán dende o inicio da súa actividade universitaria, con varias estadías en universidades xermanas. Ademais, baixo a dirección do profesor Diego-Manuel Luzón, colaborou na tradución do tomo II da obra Dereito Penal. Parte xeral, escrita por Claus Roxin, “que é probablemente o penalista de maior transcendencia mundial na actualidade”, remarca García. Pola súa banda, Xosé M. Pacho está estreitamente ligado á tradución de textos internacionais do dereito ao galego e está especializado en Dereitos Lingüísticos. De feito os seus textos en galego, lingua na que desenvolve habitualmente o seu labor docente, foron galardoados con diferentes premios literarios como o Torrente Ballester en 2007 e o Rafael Dieste en 2013.
A posta en común dos seus coñecemento permitiu, “tras moitas horas de traballo conxunto”, presentar esta resolución da xustiza alemá en galego nun texto “o máis axustado ao orixinal posible”. Ademais, para “maior claridade e transparencia”, decidiron incorporar unhas breves notas explicando ou xustificando as súas eleccións durante o proceso de tradución.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.