A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que, por causas sobrevidas e imprevistas acontecidas ao longo do curso académico 2019/20, teña dificultades económicas, co obxectivo de garantir que poidan continuar os seus estudos, blindando o acceso aos mesmos.
O departamento educativo da Xunta de Galicia destinará a estas axudas unha contía global de 100.000 euros, que poderá ser incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros. Desde o curso 2011/12 a Xunta concedeu un total de 252 destas bolsas por importe de 737.000 euros.
Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario cunha situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista acontecida entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 e que estea matriculado no curso 2019/20, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do SUG.
No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá estar matriculado como mínimo de 30 créditos. Ademais, non poderá ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2020 multiplicada por 1,50.
Na convocatoria enténdense como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o fai con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida, sendo a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2020.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.