Educación convoca 1.600 prazas para estadías lingüísticas para o alumnado en Galicia e no estranxeiro

A convocatoria vai dirixida a estudantes de ESO e Bacharelato co fin de que melloren as súas competencias en linguas estranxeiras
Publicado por o día 01/03/2020 na sección de Educación

Educación convoca 1.600 prazas para estadías lingüísticas para o alumnado en Galicia e no estranxeiro

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar 1.600 prazas para que o alumnado galego realice estadías lingüísticas en Galicia e no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias nun idioma estranxeiro.

Tal e como publicou o Diario Oficial de Galicia, o prazo para tramitar as solicitudes está aberto desde mañá ata o 26 de marzo, e poderán formalizarse a través do enderezo web http://www.edu.xunta.es/axudasle, mediante presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), ou nos rexistros que establece a normativa.

Beneficiarios

No caso do alumnado de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO, convócanse 1025 prazas, en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia, en estadías dende 1 semana ata 2 semanas e con profesorado nativo.

No caso do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, convócanse 575 prazas, en réxime de familia ou residencial, tanto na Comunidade Autónoma de Galicia como no estranxeiro (Canadá, Reino Unido, Francia e Portugal), con profesorado nativo, segundo as diversas opcións en estadías dende 1 semana ata 3 semanas en verán e de 4 semanas na actividade de integración (opción de 1º Bacharelato).

En todos os casos a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional sufragará entre o 87% e o 50% do custe das estancias, que serán en réxime residencial ou familiar.

Requisitos

Para obter as bolsas os candidatos e as candidatas terán que estar cursando, no réxime xeral, 1, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2019-2020, na Comunidade Autónoma de Galicia; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de Ben ou 6 no curso 2018-2019, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

Para a actividade de integración (1º Bacharelato, que se desenvolverá no inicio do curso 2020-2021), ademais das condicións xa citadas, estar matriculado/a, no curso 2019-2020, nun centro da Rede de Centros Plurilingües.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a cualificación media do expediente académico no curso 2018-2019 e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez. Igualmente, o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.

Contacto idiomático e cultural

O propósito desta iniciativa, enmarcada en EDUlingüe 2020, non é só conseguir que o alumnado aprenda un idioma estranxeiro, senón que o poña en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, entre as que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado, promovendo unha inclusión total na lingua estranxeira.
Nos cursos que se celebrarán no estranxeiro, o obxectivo é que os asistentes teñan un verdadeiro contacto idiomático, polo que os estudantes asistirán a clases con alumnos e alumnas de diversas nacionalidades.