Educación convoca as axudas para cofinanciar os comedores escolares xestionados polas Anpas

Achégase ata un máximo do 50 por cento do custo deste servizo en cada centro
Publicado por o día 16/06/2020 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG ) a Orde pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento de comedor escolar xestionado polas asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería e que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria ou o segundo ciclo de educación infantil no actual curso académico 2019/2020. A convocatoria conta cun orzamento de 552.998 euros.

A Consellería financia ata un máximo do 50 por cento do custo do servizo do comedor do centro escolar correspondente. As axudas, que se outorgarán en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.

Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

As solicitudes para acceder a estas bolsas deberán presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. O prazo para poder facelo rematará o próximo 16 de xullo.