En ‘marcha nórdica’ polo campus

Este deporte ten beneficios como o alivio de dores cervicais ou a mellora da postura corporal
Publicado por o día 10/04/2018 na sección de Universidade de Vigo

En ‘marcha nórdica’ polo campus

Organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, o Club Peña Trevinca e a Nordic Walking Vigo, o campus de Vigo acollerá o vindeiro sábado 14 de abril, unha xornada de marcha nórdica, un deporte que incorpora o uso activo duns bastóns específicos á forma natural de camiñar para, así, impulsar o corpo cara adiante. Os membros da comunidade universitaria que estean interesados en beneficiarse dos aspectos positivos desta actividade física, como son a mellora da postura corporal, o fortalecemento do tren superior, o alivio das dores cervicais e de ombreiros ou a potenciación do equilibrio, entre outros, dispoñen ata este mércores 11 de abril para inscribirse na páxina web da Área de Benestar, Saúde e Deporte.

O lugar de encontro para as e os participantes nesta xornada de marcha nórdica será o campo de rugby do campus de Vigo ás 10.30 horas. A actividade, que terá unha duración de dúas horas e media, será impartida por Nacho García, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, delegado en Galicia da International Nordic Walking Federation e técnico da Federación Galega de Montañismo.

A actividade ten un custe de 15 euros, que se abonarán o mesmo día da xornada, e que inclúe os bastóns necesarios para a práctica deste deporte.

Para todos os públicos

Persoas que habitualmente practican deporte e mesmo aquelas que aínda se están introducindo na actividade física; maiores, mozos, mozas, nenos e nenas, todos eles poden gozar deste deporte posto que, segundo a International Nordic Walking Federation, pódese practicar independentemente da idade e das condicións físicas. Ademais, supón unha oportunidade para realizar exercicio nunha contorna natural.

A marcha nórdica, que ten a súa orixe nos adestramentos dos e das deportistas do esquí de fondo nas tempadas nas que non había neve, ten numerosas vantaxes como son un consumo de calorías superior ao que se produce só camiñando, a mellora do estado de ánimo, a adecuación para persoas que sofren patoloxías como a fibromialxia, síndrome metabólico, enfermidades do corazón, diabetes, etc. e a adaptación da intensidade e dos obxectivos segundo as características individuais, unha característica esta última que prevén as lesións durante a realización desta actividade física.