En Marea ve, no decreto de áreas sanitarias que presenta a conselleria, un paso atrás para a sanidade pública galega e a consolidación da discriminación da atención primiaria

O borrador de decreto de áreas sanitarias presentado e difundido mediaticamente pola Consellaría de Sanidade é unha nova oportunidade perdida para a ordenación territorial e organización da estrutura do Sergas. Non é certo que mellore ou modernice a estrutura territorial e de xestión do Sergas e confirma a falta de capacidade dunha Consellaría que está debilitando o sistema sanitario público coa súa ineficacia e as súas políticas. Este borrador de decreto, debe quedar claro, é un paso atrás da sanidade pública.
Publicado por o día 18/05/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea ve, no decreto de áreas sanitarias que presenta a conselleria, un paso atrás para a sanidade pública galega e a consolidación da discriminación da atención primiaria

O borrador de decreto de áreas sanitarias presentado e difundido mediaticamente pola Consellaría de Sanidade é unha nova oportunidade perdida para a ordenación territorial e organización da estrutura do Sergas. Non é certo que mellore ou modernice a estrutura territorial e de xestión do Sergas e confirma a falta de capacidade dunha Consellaría que está debilitando o sistema sanitario público coa súa ineficacia e as súas políticas. Este borrador de decreto, debe quedar claro, é un paso atrás da sanidade pública.

Aprobada a reforma da lei de saúde (pódese ver a análise de EnMarea do texto legal en https://enmarea.gal/documentos/sanidade/En_Marea_Analise_Proxecto_Reforma.pdf) que fai perder a área de saúde a Monforte, Burela, O Barco e Salnés, presenta un borrador de decreto de áreas no que se poden identificar uns distritos sanitarios que non son equiparables ás potencialidades perdidas das áreas de saúde e que podemos etiquetar de burlesco. É simplemente un cambio cosmético da estrutura directiva no que se dilúen as mensaxes de potenciación da atención primaria, coordinación sociosanitaria ou a promoción de saúde.

O decreto recoñece que o sistema debe adaptarse ao paciente crónico pero non garante ningún cambio de xestión nin de obxectivos na estrutura directiva.

Pódense ler na introdución do borrador de decreto palabras como fortalecemento ou potenciación da atención primaria: “Dar a visualización necesaria, e outorgar o valor inherente que por si mesma ten o nivel asistencial da Atención Primaria, sen perder a transversalidade e integración conseguida ata este momento co nivel de atención hospitalaria. A atención primaria é o elemento clave e fundamental sobre o que imos pilotar o novo modelo de atención ao/á paciente galego/a. Un modelo de atención primaria aberto ás persoas, cun compoñente comunitario e social inherente ás necesidades actuais” ou a mención dos distritos sanitarios como “son divisións territoriais das áreas sanitarias e constituirán o marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria”.

A realidade é que a mencionada dirección de atención primaria vai depender da dirección asistencial, non vai ter autonomía nin presuposto propio, estará fragmentada xa que o persoal dependerá de varias direccións diferentes e nin sequera participará na comisión de dirección. Non hai ningún cambio de política. Esta estrutura perpetúa o hospitalocentrismo, minimiza e fai perder aínda máis funcionalidade a atención primaria. Se de verdade se considerase que a atención primaria é o lugar de priorización do sistema, que é quen mellor pode dirixir a atención aos pacientes crónicos habería que darlle máis autonomía e máis competencias, todo o contrario do que fai este decreto.

Por outra banda, a perda das áreas sanitarias non son substituídas polos distritos. Estes contan só coa figura dunha persoa directora de distrito nos lugares onde non hai dirección asistencial pero non teñen capacidade de planificación nin, por suposto, autonomía orzamentaria. Fálase de que son o lugar de coordinación sociosanitaria pero non se establece ningunha estrutura que a facilite.

A participación social non se desenvolve neste decreto e a promoción de saúde ou a mellora dos determinantes sociais da saúde non figuran entre os obxectivos desta Consellaría de Sanidade.

EnMarea rexeita este borrador do decreto polos seguintes motivos:

– Non hai cambio de política sanitaria.

– Non adapta o Sergas ás necesidades asistencias e de saúde da cidadanía.

– A estrutura de xestión e atención segue a estar centrada nos hospitais cando a cronicidade e a mellora dos determinantes sociais de saúde precisan dunha atención primaria potente e de estruturas de actuación comunitaria, inexistentes neste decreto.

– Debilita aínda máis a atención primaria. O feito de cambiar a inentilixible ‘dirección de procesos sen ingreso e urxencias’ por ‘dirección de atención primaria’ non vale de nada se non supón maiores competencias, máis autonomía ou maior presuposto e nada disto ofrece este decreto. A atención primaria, e con ela a comunidade, perde poder de novo fronte á estrutura hospitalaria e tecnolóxica, non axeitada para os retos sanitarios destes tempos. O feito de que a dirección de atención primaria non figure na comisión de dirección da área de saúde indica a posición subalterna e ridícula na que se encontra dentro do sistema.

– Os distritos son un invento inútil. Un intento grotesco, se non fose tan danoso, de substituír ás áreas sanitarias eliminadas. No borrador de decreto son simples subdireccións da dirección asistencial, sen estrutura de xestión e aparentemente en competencia coa dirección de atención primaria no seu ámbito territorial.

– Non se estrutura a participación social.

En definitiva, é un decreto de áreas sanitarias continuísta coa política sanitaria actual, ineficaz, que non permite resolver os graves problemas de atención á cidadanía por parte do Sergas nin preparar o sistema público para superar os retos sanitarios dos tempos actuais.

EnMarea pide a retirada da reforma da lei de saúde e o deseño dunha nova política de saúde que se sustente nos determinantes sociais de saúde, para garantir o futuro, que resolva a precariedade actual do sistema e que permita facer fronte aos retos de xestión da tecnoloxía, de profesionais e das listas de espera que están afogando ao sistema sanitario público galego.