Desde hoxe luns 14 de outubro será posible anotarse para participar na Escola Feminista para a Mocidade que impulsa o Concello de Pontevedra.
Trátase dunha iniciativa que pretende promover entre as persoas mozas a reflexión e unha mirada crítica sobre os parámetros da sociedade patriarcal, para impulsar comportamentos máis xustos e acordes coa igualdade de xénero.
Impartiranse cinco cursos destinados a persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 35 anos, podendo inscribirse a través da web apuntate.pontevedra.gal.
Tres dos cursos son mixtos, mentres que o de autodefensa feminista só admitirá mozas, e o que versa sobre ‘masculinidades disidentes’ será específico para xóvenes. Todos ofertan 20 prazas, excepto o de ‘olladas feministas’ que oferta 25.
Por data de celebración, o primeiro curso será ‘Mediación en igualdade e novos feminismos’ previsto para os días 31 de outubro, 7, 14 e 28 de novembro e 5 e 12 de decembro. Seguiralle o ‘Curso de oratoria desde a perspectiva de xénero: perdendo o medo para falar en público’ que se desenvolverá os días 4, 6, 11, 13 e 18 de novembro.
O terceiro desenvolverase nunha única xornada, o sábado 9 de novembro, e leva por título ‘Olladas feministas: taller crítico a través de prácticas artísticas e treatro dxs oprimidxs’. Tamén nunha soa xornada, o 16 de novembro, desenvolverase o ‘Obradoiro de autodefensa feminista e empoderamento’.
Para pechar a programación, o último dos talleres terá lugar o 14 de decembro e leva por título ‘Na procura de masculinidades disidentes: outra maneira de ser home’.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.