Esta semana arranca no campus unha nova edición do programa Destrezas

A iniciativa está dirixida a estudantes, egresados/as nos últimos anos e emprendedores
Publicado por o día 21/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Esta semana arranca no campus unha nova edición do programa Destrezas

Pórse ao día con todas aquelas competencias transversais que son claves para que emprender e converter as ideas de negocio en realidades empresariais exitosas. Con este obxectivo esta semana arranca no campus de Vigo unha nova edición de Destrezas, o programa de formación organizado dende a Área de Emprego e Empredemento e a Fundación Universidade de Vigo dirixido ao alumnado, persoas egresadas nos últimos anos e emprendedores en fase de incubación.

Nesta edición, que se prolongará ata finais de novembro, o programa componse de sete sesións, talleres eminentemente prácticos e participativos centrados cada un deles nunha destreza concreta e que correrán a cargo dun especialista na materia, cuxos consellos e experiencias se completarán coas vivencias dunha persoa convidada, que será a encargada de pechar os talleres. Ao igual ca en edicións anteriores, os obradoiros levaranse a cabo na sala 1 do edificio Miralles en horario de 09.30 a 14.30 h, destinándose a última hora aos convidados/as.

O primeiro taller, Falar en público, será este xoves

De carácter totalmente gratuíto, xa está aberta a inscrición para o primeiro destes talleres. Nesta ocasión a cita será este mesmo xoves día 23 e levará por título Falar en público. O docente elixido para impartilo é Eloy Gesto, director da escola Inventa, encargada, sobre todo, de axudar ás empresas a desenvolver  habilidades e competencias de comunicación á hora de falar en público, vender e negociar.

Ao longo deste taller o docente traballará os que considera tres alicerces básicos da comunicación: a propia arquitectura do acto comunicativo, referíndose con isto a compoñer e estruturar aquilo que se quere dicir de xeito eficiente; a forma e a identidade, facendo consciente ao asistente ao seminario da importancia de ter un estilo e unha forma de contar capaz de chegar ás persoas que escoitan, e o relato, no sentido de desenvolver intervencións que teñan sentido, que presenten unha historia ou idea a resolver desde o principio e que esta idea sexa resolta de modo eficiente e atractivo de cara ao público.

Pechará a sesión deste xoves como persoa convidada o mago Cali, experto en teatro, maxia e expresión corporal.

 

Novo obradoiro o 30 de maio: como sacar partido ás redes sociais

O programa Destrezas continuará o 30 de maio, nesta ocasión da man de Laura Mª Vázquez Viaño, directora de mercadotenia e comunicación dixital na axencia galega Torres y Carrera e docente en varias universidades e escolas de negocio. No seu seminario tratará de ilustrar ás persoas asistentes sobre como sacar partido ás redes sociais, tanto de cara ás persoas emprendedoras como para aquelas que se atopan a buscar emprego.

Tras o parón de verán as sesións retomaranse en setembro

O resto de seminarios do programa Destrezas levaranse a cabo xa no novo curso, desde setembro ata finais de novembro. Arrancarán o 26 de setembro co obradoiro metodoloxías Agile, da man de Josefina Alonso, experta en Calidade e Seguridade Funcional.  Outros temas a tratar serán autocoñecemento e desenvolvemento persoal, neuromarketing, creatividade e innovación e técnicas de relación interpersoal. Como docentes contarase, entre outros, coa participación de Belén Varela, avogada especialista en dirección de persoas; Javier Gil e Cristina Rodríguez, empresarios do ámbito da construción desde hai máis de 33 anos, expertos en comunicación e programación neurolingüística; Pablo López, xerente de Creativigo, e Mar Sánchez, psicóloga e socia fundadora de Neuromativa.