Durante esta semana a eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, está participando en Nova York na 62ª Sesión da Comisión da Condición Xurídica e Social das Mulleres (CSW, polas súas siglas en inglés) da Organización das Nacións Unidas (ONU), que este ano ten como tema principal as mulleres e nenas que habitan nas zonas rurais.
Senra, coordenadora do seu grupo parlamentario na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural dende o inicio de lexislatura, é tamén a responsábel a nivel do Parlamento Europeo da transversalización da perspectiva de xénero neste comité para o período 2014-2019. Ademais das iniciativas levadas a cabo neste sentido tanto a través da Comisión de Agricultura como da sesión plenaria, así como das achegas realizadas a outras comisións, no ano 2017 a eurodeputada galega foi correlatora dunha resolución do Parlamento Europeo que abordou de xeito específico o papel das mulleres nas zonas rurais.
De cara á súa participación na delegación do Parlamento Europeo presente esta semana en Nova York no 62.º período de sesións da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller das Nacións Unidas, Senra avanzou no debate preparatorio da posición do Parlamento Europeo celebrado a principios deste mes a relevancia de situar neste foro de debate da ONU alomenos tres das cuestións fundamentais que enfrontan actualmente as mulleres que habitan nas zonas rurais: “Protección fronte ás corporacións transnacionais que queren ocupar as nosas terras, e que moitas veces empregan para iso a violencia. Protección fronte á agricultura industrial que destrúe os nosos postos de traballo e contamina os ecosistemas, incluídas as nosas vidas; e recoñecemento legal dos nosos dereitos como labregas, destacando a titularidade compartida e as pensións dignas de xubilación.”
Senra iniciou onte a súa axenda de traballo participando nunha reunión con representantes do Programa Mundial de Alimentos (PMA) de Nacións Unidas, e mantendo encontros con organizacións de mulleres de Portugal e da República Democrática de São Tomé e Príncipe, así como con coordenadoras da multitudinaria Marcha das Mulleres (Women’s March) que tivo lugar o ano pasado en Washington contra as políticas de Donald Trump, convocada novamente a principios deste ano en distintas cidades estadounidenses.
“Está sendo unha experiencia moi interesante. Considero que é importantísimo poder colocar nestes foros, a distintos niveis, a situación das mulleres e nenas no mundo rural. Este intercambio de experiencias é fundamental porque axúdanos a avanzar na proposta de alternativas para que haxa un verdadeiro recoñecemento dos dereitos das mulleres e das nenas no medio rural e, particularmente, das mulleres labregas.”
Entre as xuntanzas previstas para hoxe, a eurodeputada asistirá a unha reunión na que se abordarán estratexias para transversalizar a perspectiva de xénero aos plans de acción humanitaria. A continuación parcticipará no evento “Mulleres Rurais como Axentes de Cambio”, organizado polo Parlamento Europeo. Na quenda de tarde a delegación parlamentaria na que está integrada Lídia Senra en Nova York entrevistarase coa embaixadora irlandesa Byrne Nason, Presidenta da Mesa Directiva da CSW; seguidamente con Yannick Glemarec, director executivo adxunto de ONU Mulleres e a continuación intercambiará puntos de vista con parlamentarias cubanas que están a participar neste 62 º período de sesións da CSW.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.