A estratexia turística do Salnés destaca pola súa visión dixital

O Salnés continúa coa súa aposta dixital e o seu traballo en grupo. O seu representante, Ramón Guinarte, fala sobre o éxito e os obxectivos desta “micro Galicia”
Publicado por o día 29/01/2018 na sección de Turismo

A estratexia turística do Salnés destaca pola súa visión dixital

Ramón Guinarte, xerente da Mancomunidade do Salnés, comezou a entrevista destacando que o traballo en grupo permitiu que a mancomunidade estivese presente case sempre en FITUR nos últimos dezasete anos, agás nunha ocasión. Ademais, engadiu que o seu traballo en grupo vai máis aló do traballo a nivel local, xa que é a única marca de Galicia que traballa por convenio a nivel internacional. Os municipios que engloba son os da Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, O Grove, Cambados, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e Meis.

Turismo 4.0

A súa proposta dixital actual non é unha novidade, senón unha continuación da súa aposta tecnolóxica, iniciada xa en 2006 coas primeiras posibilidades que ofrecía o bluetooth.

O novo proxecto presentado na edición actual de FITUR 2018 tamén xirou en torno ao denominado turismo 4.0, cuxo obxectivo é aproveitar e seguir utilizando os recursos tecnolóxicos de maneira efectiva de cara ao turismo.

Neste caso, creouse unha aplicación 3D de realidade aumentada para permitir observar a comarca en tres dimensións e poder localizar todos os recursos. O mapa 3D, aínda que non inclúe todos os elementos dos municipios, si que expón principalmente aqueles máis relevantes para o público turista.

Desta maneira, as persoas usuarias poden decidir que recursos lles interesan máis visitar. Ademais, achega unha gran cantidade de información, que un mapa convencional non sería capaz de ofrecer. E aínda que segue en desenvolvemento, unha das facilidades deste tipo de aplicacións é que permiten ir actualizándose progresiva e continuamente.

En calquera caso, a aplicación non hai que vela coma un recurso definitivo, senón coma un elemento complementario para as e os visitantes, e, ademais, pode permitir potenciar a imaxe da comarca sobre outros destinos turísticos.

Orixe do proxecto

A idea desta aposta actual xorde tras obter unha subvención para a sinalización turística. A partir de aí, a necesidade de aumentar a información nos mapas deu lugar á creación de novas saídas que terminaron xerminando coa proposta actual.

Para o seu desenvolvemento contouse coa axuda de colectivos de novas tecnoloxías locais, coa idea de traballar, na medida do posible, competitivamente con empresas destes municipios.

O que máis gusta é todo aquilo que non está deseñado para as e os turistas, coma a naturalidade das vilas costeiras ou o modo de vida local

Vantaxes do Salnés e turismo estranxeiro

Entre as vantaxes destacouse que o que máis gusta é todo aquilo que non está deseñado especialmente para as e os turistas, a diferenza do que ocorre con outros destinos, polo que as e os visitantes aínda poden gozar de elementos coma a naturalidade das vilas costeiras, a beleza da paisaxe ou o modo de vida local, por poñer algún exemplo.

De feito, antes de comezar a traballar co mercado internacional recibiron certa reticencia, xa que non era un destino a priori interesante, algo que se refutou posteriormente, onde as persoas que chegaron de fóra o consideraron todo “un paraíso”.

Un lugar con todos os elementos indispensables para representar a comunidade galega nunha “micro Galicia” e, á vez , namorar o turista, onde a gastronomía e o carácter acolledor da poboación local poderían considerarse os produtos estrela.

A entrevista foi realizada por Canal Rías Baixas TV e pode visualizarse aquí.