Estudantes de pre-doutoramento de toda Europa fórmanse en Baiona en comunicacións cuánticas

O profesor Marcos Curty coordina o comité organizador dunha xuntanza que se estende toda a semana
Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Universidade de Vigo,Baiona,Galicia

Estudantes de pre-doutoramento de toda Europa fórmanse en Baiona en comunicacións cuánticas

En 2016 arrancaba un proxecto europeo, no que está involucrada a Universidade de Vigo, co obxectivo especializar a novos investigadores nunha área de coñecemento que será unha das tecnoloxías do futuro: as comunicacións cuánticas. Agora, cando esta iniciativa chega ao seu ecuador, impulsa na vila de Baiona a Secure Quantum Communications (SQC) School, unha xuntanza internacional na que participan preto dun cento de estudantes e de expertos de toda Europa. Marcos Curty, investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e director do comité de organización, explica que esta é a primeira vez que se organiza este tipo de evento na Universidade de Vigo, “trátase dunha escola sobre comunicacións cuánticas pensada especialmente para investigadores e investigadoras de pre-doutoramento” na que terán a oportunidade ao longo desta semana de relacionarse e interaccionar con algúns dos principais expertos internacionais neste eido.

O simposio enmárcase no contexto do proxecto europeo H2020 Quantum Communications for ALL (QCALL), a primeira Innovative Training Network (ITN) que obtivo a Universidade de Vigo, un tipo de proxecto de I+D que se constitúe como rede internacional de empresas e institucións para formar durante catro anos a profesionais de primeiro nivel nunha área de coñecemento determinada. Neste caso, o obxectivo é que estudantes de doutoramento europeos se formen entre 2016 e 2020 en universidades e empresas punteiras en tecnoloxías e comunicación cuánticas.

73 estudantes e nove especialistas de primeiro nivel mundial

A Secure Quantum Communications (SQC) School é un programa dunha semana de duración “sobre aspectos teóricos e experimentais das comunicacións cuánticas coa participación de especialistas de recoñecido prestixio que axudarán a que os estudantes participantes acaden unha capacitación de alto nivel neste eido”, destaca Curty. En total participan 73 investigadores e investigadoras de pre-doutoramento, 15 deles membros do propio proxecto de investigación e outros 58 pertencentes a institucións de Alemaña, Reino Unido, EEUU, Italia, Austria, Francia, Grecia, Finlandia, Rusia, Turquía, India, Taiwan, Irán, China, Polonia, Escocia, Serbia, etc. Xunto a eles interveñen unha serie de especialistas das máis relevantes centros de investigación do mundo, como Antonio Acín, do Instituto de Ciencias Fotónicas de Barcelona; Eleni Diamanti, científica do CNRS, University Pierre and Marie Curie de Paris; Anthony Leverrier, do French Institute for Research in Computer Science and Automation de Paris; Marco Lucamarini, do Toshiba Research Europe Limited de Cambridge; Norbert Lütkenhaus, do Institute for Quantum Computing de Waterloo en Canadá; Nitin Jain, da Technical University of Denmark; Renato Renner, do ETH Zurich; Christian Schaffner, do Institute for Logic, Language and Computation (ILLC) da University of Amsterdam e Hugo Zbinden, da University of Geneva.

Curty explica que nestes cinco días vanse impartir 15 seminarios de hora e media de duración sobre criptografía cuántica, nos que se abordarán cuestións tanto teóricas como experimentais e avaliaranse as prestacións e a seguridade destas tecnoloxías. Ao longo da semana celébrase tamén unha sesión de pósters, na que os estudantes poden presentar de debater as súas propias investigacións.

Un proxecto formativo punteiro

Marcos Curty destaca que a criptografía cuántica “permítenos ter comunicacións totalmente seguras” baseándose nos principios da mecánica cuántica, é dicir, son sistemas que non se poden romper, algo de especial relevancia nunha contorna na que o intercambio de datos a través de internet é cada vez maior e implica institucións, empresas e gobernos que precisan de comunicacións cen por cen seguras. Así, apunta Curty, a finalidade do proxecto colaborativo QCALL é avanzar no desenvolvemento “de redes seguras a nivel continental, ao tempo que formamos as e os expertos en tecnoloxías cuánticas do futuro”.

O proxecto ten un orzamento global de 4 millóns de euros, 500.000 dos cales xestionará a Universidade de Vigo como entidade coordinadora dunha das tres accións que conforman a rede. En total, QCALL está impulsado por oito socios: as universidades de Vigo, Leeds (Reino Unido) que coordinada a rede, Padova (Italia), Dusseldorf (Alemaña), Xenebra (Suíza), Télécom ParisTech (Francia) e o Cambridge Research Laboratory de Toshiba e a empresa suíza ID Quantique. Ademais, nesta rede participarán outros centros e empresas internacionais como socios colaboradores, que contribúen á aplicación práctica dos coñecementos acollendo estudantes que poderán realizar estadías durante os anos de duración do proxecto.

O subproxecto coordinado polo grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da EE de Telecomunicación céntranse en desenvolver novos protocolos e solucións para o futuro das comunicacións cuánticas. “Traballaremos na xeración de números aleatorios, en protocolos de comunicación máis eficientes incorporando as tecnoloxías cuánticas e en protocolos máis vinculados ao concepto de integridade das comunicacións que ao de confidencialidade das mesmas”.