Ethel Vázquez salienta o esforzo da Xunta para que Pontevedra teña transporte público con 166 liñas de autobús que incrementarán a partir de agosto un 70 % os quilómetros percorridos

Vázquez Mourelle explica que os contratos lle suporán á Xunta 4,5 M€ ao ano, un gasto que sería menor se o Concello tivese bus urbano para desprazarse dentro do municipio, tal como di a Lei de Bases de Réxime Local
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Ethel Vázquez salienta o esforzo da Xunta para que Pontevedra teña transporte público con 166 liñas de autobús que incrementarán a partir de agosto un 70 % os quilómetros percorridos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, salientou hoxe o esforzo do Goberno galego para esta cidade e a súa área de influencia teña transporte público mediante 6 contratos con 166 liñas de autobús que incrementarán a partir de agosto nun 70 % os km percorridos, ao pasar dos actuais 2 millóns de km ao ano a superar os 3 millóns.

Vázquez Mourelle concretou que estes 6 contratos lle suporán á Xunta uns 4,5 M€ cada ano, un gasto que sería moito menor se o Concello tivese un transporte urbano que cubrise os desprazamentos dentro do municipio, tal e como o indica a Lei de Bases de Réxime Local.

Aclarou que estes documentos son unha planificación de servizos para unha área concreta e non teñen que ver co Plan de transporte metropolitano, que é un plan de coordinación e subvencións ao transporte público que no caso de Pontevedra non presenta avances pola negativa do concello cabeceira.

Explicou que estes contratos, que están na web da consellería, forman parte dos 100 proxectos que iniciaron o proceso de información pública o pasado venres, no marco da 2ª fase do Plan de transporte público de Galicia.

Este primeiro bloque de proxectos rematará a súa información pública o 1 de marzo, mes no que se incorporarán as achegas oportunas e se licitarán os contratos para que se empecen a prestar en agosto. De xeito paralelo, a Xunta traballa no segundo bloque de proxectos, que en xuño sairá a información pública para licitar en verán e iniciar a prestación en decembro.

No seguinte cadro detállanse os seis contratos de transporte para a cidade de Pontevedra e a súa contorna, que se atopan en información pública.

Sur da comarca de Pontevedra, Norte da de Vigo e termo municipal de Tui

Comarca do Morrazo

Sur da comarca do Salnés e termo municipal de Poio

Metropolitano de Pontevedra

Entorno metropolitano de Pontevedra

Leste da Comarca de Pontevedra e norte da comarca de Vigo

Servizos compartidos e a demanda

Subliñou que as melloras que suporán estes contratos en canto ao aumento da cobertura territorial serán posibles grazas a que estas 166 liñas contan con 107 que teñen servizos compartidos, o que permite trasladar a máis de 3.000 escolares desta área. Precisou que antes, eses autobuses cubrían esas rutas e horarios coa diferencia que non podían ser empregados por máis persoas e os vehículos circulaban baleiros.

Destacou que estes contratos tamén contemplan máis de 36 liñas con paradas a demanda, que só sairán cando algún usuario indique que o desexa. Para iso, están activos a web www.bus.gal e un callcenter e a Amtega está desenvolvendo aplicacións móbiles.

O Goberno galego prevé que para prestar todos estes servizos cómpren 125 autobuses. Neste sentido, a conselleira indicou que para facilitar que se poidan presentar a estes contratos as pequenas e medianas empresas, no caso de Pontevedra, existen 2 contratos pequenos, ao ter 13 ou menos autobuses, 2 medios e 2 grandes.

Ethel Vázquez apuntou que isto tamén lle dá pulo á creación e consolidación de emprego, garantindo a subrogación dos traballadores que actualmente están prestando os servizos, pois os proxectos prevén un mínimo de máis de 120 condutores e 70 acompañantes.

Incorporación de melloras

A titular de Infraestruturas fixo fincapé en que os proxectos están pensados para que os pontevedreses non queden sen transporte pese á inacción do Goberno municipal.

A Xunta, en base á experiencia da planificación da 1ª fase do plan, incorporou algunhas melloras nos contratos desta 2ª fase, como unha tarifa por km igual para toda Galicia, para que un usuario que percorre 10 km en Ribadeo pague o mesmo que o que o fai en Vigo.

Tamén se está a traballar de cara a creación dunha área de transporte única en Galicia que estenda os beneficios do transporte metropolitano a tódolos concellos.

Exhaustivo traballo de campo

Os contratos son froito dunha exhaustiva análise que se fixo ata o de agora con concellos e centros de alta atracción de demanda, con miles de enquisas e entrevistas.

Todos os contratos comezan cunha memoria na que se explican os tráficos a realizar, o prazo de duración do contrato, que son 10 anos, a viabilidade e os recursos necesarios para desenvolver o contrato.

Así, por exemplo, estes seis contratos teñen unha demanda actual de 1,4 millóns de viaxeiros cada ano e, co traballo feito polos técnicos e as enquisas realizadas, estiman que medrará no contorno dun 2% anual.

Nestes documentos tamén vén o detalle das liñas, rutas e expedicións, que é onde se recolle por onde van os autobuses e en que horarios.

Ademais conteñen estudos minuciosos nos que se analiza a estrutura de custes e a estrutura de ingresos e se prevé o rendemento económico para a empresa e garantiza a viabilidade do contrato.

Comentar noticia

Your email address will not be published.