O pasado 9 de xaneiro, e a partir do 29 de xeito efectivo, a UE autorizou a IXP Ribeiras do Morrazo, a única aprobada dende o 2012 e que marca un fito na loita polo recoñecemento da calidade dos caldos desta zona e do traballo rigoroso dos seus viticultores. Agora dan un paso máis coa presentación e posta en valor da nova etiqueta IXP Ribeiras do Morrazo, a marca de calidade que os identificará no mundo.
Os viños da IXP Ribeiras do Morrazo procederán exclusivamente dos viñedos da zona de produción e elaboración constituída polos terreos aptos para a produción de uva, por debaixo dos 300 metros de altitude, dos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa e que estean inscritos no rexistro vitícola.
Sete adegas están rexistradas para poder usala nova marca e catro delas xa dan pasos na comercialización dos seus viños con este selo de calidade: adega Os Areeiros de Vilaboa, unha adega de Redondela, Mosteiro de San Xoán de Poio e adega Ardán de Marín.
O presidente do GDR Pontevedra-Morrazo, Miguel Fernández Lores acompañado polo xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural, José María Tobio; o portavoz da IXP Ribeiras do Morrazo e propietario da adega Os Areeiros, Guillermo Martínez e Ornela Fernández, concelleira de Turismo de Vilaboa deron a coñecer a nova etiqueta e un ambicioso programa formativo para avanzar na capacitación, formación técnica e profesionalización do sector vitícola nesta IXP.
As persoas que se acheguen a Festa do Viño de Vilaboa, os próximos días 27 e 28 de maio, serán as primeiras en poder catar os viños das catro adegas que xa comercializan os seus viños co selo IXP Ribeiras do Morrazo. En setembro será a primeira vendima baixo esta denominación.
Actualmente, de acordo cos datos do rexistro vitícola, nos 8 concellos que forman a Indicación Xeográfica Protexida hai 2.340 hectáreas de viñedo, aínda que non todas poderán fornecer viño á nova IXP xa que non son admisibles todas as variedades que se cultivan senón aquelas de cultivo tradicional sinaladas no correspondente prego de condicións da IXP. Por diante hai un importante traballo de auditoría e actualización do rexistro, xa que o sector calcula que arredor do 50% dos terreos están en desuso ou infrautilizados.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.