A EU de Estudos Empresariais lanza a súa propia International Week

O centro foi pioneiro en implantar, xa no ano 2000, unha dobre titulación internacional cun centro alemán
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

A EU de Estudos Empresariais lanza a súa propia International Week

Conferencias, mesas redondas, presentacións e visitas. A EU de Estudos Empresariais celebrará do 19 ao 21 de febreiro a súa primeira Semana Internacional/International Week cunha chea de actividades dirixidas a afondar nos contactos internacionais dun centro que xa no ano 2000 puxo en marcha unha dobre titulación internacional coa Hochschule Bochum de Alemaña, algo pioneiro nunha universidade pública española, e que en 2014, ampliou cun dobre grao coa Université de Pau Et des Pays de L’Adour de Francia.

“O obxectivo desta International Week é estimular, tanto ao alumnado como ao profesorado, a que participen en intercambios internacionais, incidindo na vantaxe destes contactos, achegando metodoloxías e liñas de investigación diferentes ás do persoal do centro e difundindo a compoñente máis internacional da nosa escola no eido académico, que é unha das principais diferenciacións da oferta formativa deste centro en todas as súas titulacións”, explica Araceli González Crespán, subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios.

“Ao longo destes anos temos mudado en varias ocasións o convenio coa Hochschule Bochum para poder adaptarnos aos cambios académicos en cada titulación”, explica a subdirectora, quen fai fincapé en que a valoración desta experiencia é moi positiva, aínda que hai máis estudantes de Bochum que de Vigo que completaron os dous graos. “A razón disto é a dificultade da lingua alemá. Conscientes disto dámoslle ao noso alumnado a posibilidade de cursar alemán empresarial na escola antes de facer o intercambio”, recalca a subdirectora.

Profesorado de Irlanda, Alemaña, Italia e Portugal

O programa da Semana Internacional arrancará o luns 19 cun acto de apertura ás 09.30 horas no que participarán, entre outros, o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias, e, a partires de aí, arrancan xa as diferentes actividades. “Os conferenciantes proceden de catro centros cos que temos unha estreita colaboración desde hai moito tempo”, explica a subdirectora. O primeiro en intervir será o profesor Dipak Pant da universidade italiana Carlo Cattaneo, “toda unha autoridade en cuestións de sustentabilidade e desenvolvemento económico, particularmente en terras extremas”, recalca González Crespán.

Dende a Hochschule Bochum alemá contarase coa intervención do coordinador do programa hispano-alemán, Alejandro Simonovis, e a responsable de Relacións Internacionais Katharina Schmidt. Serán os encargados de levar a cabo un obradoiro de Comunicación Intercultural, o mércores, centrado nos principais retos e estratexias para sacar o maior partido ás situación profesionais nas que se entre en contacto con persoas de procedencias, linguas e culturas diversas.

Participará tamén o profesor Noel Harvey, do GMIT irlandés, que impartirá a conferencia Internacionalización dos Recursos Humanos. “Colaboramos con este centro dende os anos 90 e acostuma ser moi demandado polos nosos estudantes pola posibilidade de cursar estudos nun programa íntegro en lingua inglesa”, recalcan desde a escola.

Experiancias en 1ª persoa

As mesas redondas, catro en total, terán tamén un peso importante no programa, xa que son o formato elixido para darlle voz ao alumnado do Grao en Comercio que tivo experiencias de intercambio, alumnado estranxeiro que está actualmente cursando materias na escola e varios egresados que no seu día fixeron unha estadía internacional que lles cambiou a vida.

Ao longo dos tres días que dura a International Week os diferentes conferenciantes terán tamén a oportunidade de realizar presentacións institucionais dos seus respectivos centros de orixe, informando sobre cuestións académicas, así como sobre as cidades e países nos que están situados. En concreto haberá unha presentación do Galway Mayo Institute of Technology, de Irlanda; outra do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, en Portugal, e outra sobre o Hochshule Bochum de Alemaña.

Pese ao intenso do programa deixouse tamén oco para as actividades de ocio, unha ocasión para a que as e os participantes, especialmente os foráneos, poidan achegarse e coñecer máis de preto a contorna da escola. Neste senso o luns realizarase unha pequena excursión ao Museo do Mar para visitar a exposición do Pergamiño Vindel, Un tesouro en sete cantigas, e, xa o mércores, realizarase a visita guiada Vigo: industria e comercio.