Éxito absoluto da primeira ruta Maceiras en Flor en Rías Baixas

A primeira ruta ao redor destas maceiras da Estrada organizada pola Deputación de Pontevedra finaliza esgotando todas as prazas
Publicado por o día 16/05/2018 na sección de Turismo

Éxito absoluto da primeira ruta Maceiras en Flor en Rías Baixas

Máis de medio centenar de persoas puideron gozar da beleza da Estrada coa primeira ruta das Maceiras en Flor. Trátase dunha actividade gratuíta que organizou a Deputación de Pontevedra para o 12 de maio. A data elixida coincide coa época adecuada para poder apreciar estas maceiras en todo o seu esplendor.

En total fretáronse dous autobuses que recolleron ás persoas participantes en Vigo e Pontevedra en dous itinerarios lixeiramente diferentes e coas prazas esgotadas. A primeira delas estaba programada para as 9 horas da mañá e a segunda para as 15.30 horas da tarde.

No primeiro caso, a visita comezou na parroquia de Callobre onde as persoas asistentes puideron coñecer desde a extensa plantación local ata o tipo de exemplares que se cultivan na actualidade.

Posteriormente, a ruta continuou na parroquia de Agar onde puideron coñecer un lagar antigo e a sidraría rehabilitada de Peroja, e antes de finalizar realizar unha degustación da sidra local.

No caso do segundo itinerario, despois de coñecer Callobre, a visita continuou pola sidraría Lagar de Sidra en Ribela onde tamén gozaron dunha degustación da súa produción.

Este tipo de rutas permiten descubrir belos recunchos que doutra maneira serían máis complicado de localizar ou en ocasións imposible, como é o caso do acceso a plantacións de maceiras de titularidade privada.

“A elaboración desta bebida na comarca remóntase á Idade de Ferro”

Ademais, os percorridos introdúcennos na historia da vila ou en tradicións locais como a produción de sidra cuxo legado deixa belos nomes como ollomourorabiosa, raída, marafouza ou freixerana en galego, exemplos dalgunhas das máis de 200 variedades de maceiras catalogadas en Galicia.

Aínda que, a elaboración desta bebida na comarca remóntase á Idade de Ferro, foi hai apenas uns anos cando se volveu a impulsar desde produtores locais e de maneira ecolóxica, alcanzando a día de hoxe máis de cen hectáreas nas comarcas da zona.

Entre as actividades relevantes ao redor desta bebida, destaca a Feira da sidra no mesmo municipio e cuxo concello busca proclamar de Interese Turístico de Galicia. En 2018 está programada para o 2 de xuño.

As rutas de Maceiras en Flor forman parte das novas propostas que xorden do Plan estratéxico de turismo de Pontevedra e cuxos obxectivos buscan tanto desestacionalizar a actividade turística como fomentar a afluencia de visitantes cara ao interior da provincia.