Éxito deportivo para Thunders UVigo na primeira metade da liga universitaria de e-Sports

As persoas interesadas en unirse a esta iniciativa poden inscribirse ata o día 2 de febreiro
Publicado por o día 23/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Éxito deportivo para Thunders UVigo na primeira metade da liga universitaria de e-Sports

Os videoxogos tamén teñen cabida dentro da Universidade de Vigo, e así o está a demostrar Thunders, o equipo co que compite a institución académica viguesa na Liga Universitaria de eSports de España, bautizada nesta edición como Amazon University Esports debido á entrada de Amazon, o xigante do comercio electrónico, como principal patrocinador. A competición arrancou hai apenas dous meses e medio e as cousas non lle están a ir mal ao equipo vigués que conseguiu chegar á final nas competicións de tres videoxogos diferentes: Clash Royale, Brawl Stars e  Hearthstone.

Detrás destes bos resultados está un equipo totalmente renovado, composto por 23 estudantes de diferentes escolas e facultades, que se uniron ao equipo, na meirande parte, o pasado mes de outubro, cando se fixo unha pequena campaña de captación da que quedaron moi satisfeitos. “Presentáronse decenas de persoas aos clasificatorios internos e grazas a isto puidemos obter representación en todas as ligas”, explica o portavoz do equipo, Jaime González, secretario da Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O centro cunha maior representación de participantes no equipo é a Escola Superior de Enxeñaría Informática, pero tamén hai numerosos integrantes de titulacións como Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Química Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación. Son maioritariamente mozos, pois “lamentablemente o talento feminino segue infrarrepresentado no mundo dos deportes electrónicos, traducíndose nunha moi baixa cifra de mulleres presentadas aos clasificatorios”, explica González, quen anima a todo o mundo a participar e a “apuntarse e competir sen deixarse guiar por prexuízos ou complexos”.

Importantes vitorias en Clash Royale, Brawl Stars e Hearthstone

Actualmente o equipo atópase na fase final da primeira  metade da liga, unha competición na que participan 64 universidades de todo o país, das que 17 rivalizan directamente coa UVigo. Durante este primeiro cuadrimestre participaron en seis competicións –League of Legends, Counter Strike, Teamfight Tactics, Clash Royale, Brawl Stars e Hearthstone- contra equipos das universidades de Zaragoza, País Vasco, León ou A Coruña, entre outras. “Durante estes dous meses e medio vivimos luces e sombras na competición”, apunta o portavoz, xa que non en todos os xogos tiveron a mesma sorte. En League of Legends, Counter Strike  e Teamfight Tactics sufriron bastantes derrotas, o que fixo que fose misión imposible pasar da fase de grupos. Pola contra, en Clash Royale, Brawl Stars e Hearthstone amosaron unha gran destreza, chegando ás fases finais con moi bos resultados. “De gañalas accederiamos á fase final nacional podendo chegar á final presencial en Madrid e optar a todos os premios da competición”, engade o representante.

Na procura de novos integrantes

De cara a reforzarse para a segunda metade da tempada, o equipo volveu abrir unha nova fase de recrutamento. “As inscricións van permanecer abertas ata o vindeiro 2 de febreiro, así que as persoas que queiran participar deben darse présa”, explican desde o equipo, ao que engaden que “quen queira pode apuntarse aos clasificatorios e gañar a súa praza á fronte de calquera equipo dos Thunders”. Aquelas persoas que participaron na primeira parte e non tiveron a sorte de proclamarse vencedoras,  tamén poderán repetir o proceso e, en caso de gañar os clasificatorios, terán a opción de volver representar á UVigo. O abandeirado do equipo explica que non en todos os xogos é necesaria a mesma representación. Para os equipos de League of Legends e Counter Strike son necesarias cinco persoas titulares e dúas suplentes. No caso de Clash Royale e Brawl Stars chega con que haxa tres persoas titulares e unha suplente e, finalmente, tanto en Teamfight Tactics como en Hearthstone, ambos xogos son de representación individual.

“A curto prazo esperamos gañar as finais de conferencia nas que nos atopamos actualmente e conseguir o noso billete á fase final nacional”, explica González, quen recalca que a medio e longo prazo agardan alcanzar resultados similares no resto de videoxogos para poder ter unha delegación viguesa potente o vindeiro mes de maio nas finais de Madrid.

Compaxinando estudos e competición

En canto á responsabilidade de compaxinar os estudos coa competición, os integrantes do equipo teñen claro que aínda que o ocio e gozar da experiencia sexan os obxectivos primordiais, os estudos son a principal prioridade. Por iso, todas as competicións se establecen en fins de semana ou en períodos festivos e contan cunha gran flexibilidade horaria de cara a interferir o menos posible coas responsabilidades dos participantes. “Formar parte dunha competición así é beneficioso para o alumnado, pois, ao igual que nos deportes convencionais, dálle a oportunidade de fomentar capacidades como o traballo en equipo, a vontade de superación e esforzo, a xestión do tempo e das emocións”, explica González.

No referente á competición, a información pode atoparse na páxina web https://universityesports.es/  ou na páxina de Twitter  @University_ES. Tamén pode atoparse en Twitter información sobre o equipo en @Thunders_UVIGO.