Falece un home tras sufrir un accidente co tractor que conducía en Irixoa

Publicado por o día 29/07/2020 na sección de Sucesos

Falece un home tras sufrir un accidente co tractor que conducía en Irixoa

Un particular foi quen alertou ao 112 Galicia do suceso.

Tras a súa chamada, ao fío das 17:00 horas, comunicaba que acaba de atopar un tractor accidentado, envorcado e  ao seu condutor atrapado baixo a máquina, na parroquia de Ambroa, na estrada que vai de Areas a Miño, no termo municipal de Irixoa.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil de Tráfico.

Ata o lugar, tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que tomou terra no mesmo lugar dos feitos. Sen embargo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.

Debido á situación e co fin de prestar apoio aos familiares da vítima, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias.

Colisión tractor-coche

Tamén, sobre as 18:30 horas desta tarde, o 112 Galicia recibía a chamada dun alertante que informaba dun accidente entre un tractor e un coche, na praia Meniña, no concello de Muxía.

Ata o lugar  desprazáronse decontado os servizos sanitarios de urxencia, os axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil. Así mesmo, foron informados polo 112 Galicia os axentes da Policía Local e os Bombeiros de Cee, que nada mais chegar ao punto, descartaron o uso do material de excarceración.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, o condutor da máquina agrícola foi trasladado polo persoal sanitario ata o Hospital Virxe da Xunqueira e a condutora do turismo foi atendida no mesmo lugar polos profesionais sanitarios.