Fernández-Tapias constata que avanzan a bo ritmo as obras do IES Santa Irene de Vigo, no que a Xunta inviste 1,2 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta en Vigo recorda que os traballos consisten nunha reforma integral que inclúe melloras enerxéticas, de accesibilidade e mantemento
Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, constatou hoxe nunha visita ao IES Santa Irene de Vigo que as obras que o Executivo autonómico está a acometer no centro, por un importe superior aos 1,2 millóns de euros, avanzan a bo ritmo.

Segundo informou, as actuacións programadas divídense en tres tipos: as de mellora enerxética, as de mellora da accesibilidade e as de mantemento. No referido á eficiencia enerxética, substituiranse os materiais da actual cuberta, repararanse as fiestras de madeira e mudaranse as reixas das da planta soto e revisarase a carpintería de aluminio existente. Ademais instalarase nova iluminación LED, e calefacción e ventilación mecánica e drenaranse os muros exteriores baixo rasante.

Para mellorar a accesibilidade do centro instalarase un ascensor de baixo consumo, farase un novo acceso desde o espazo exterior ao semisoto e adaptaranse os aseos de todos os andares e os pasamáns das escaleiras.

Entre outros traballos de mantemento, repararanse as humidades e as fendas en paredes e teitos, así como o pavimento; pintarase todo o interior do inmoble e revisaranse as das fixacións da maquinaria do reloxo da torre.