O Festigal leva un premio pola “boa práctica” de xestión cultural na Galiza

Publicado por o día 13/01/2018 na sección de Cultura

O Festigal leva un premio pola “boa práctica” de xestión cultural na Galiza

Nun acto celebrado a mañá do mércores na sede de Numax, en Santiago de Compostela, o Festigal recibiu a certificación emitida pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e a Deputación da Coruña. Trátase dun certificado que recoñece, en palabras das e dos organizadores, “proxectos culturais audaces, innovadores e de calidade” na Galiza.

Así mesmo, neste acto a Deputación da Coruña e a Asociación Galega de de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) presentaron o Banco de Boas Prácticas da Xestión Cultural, un catálogo de exemplos para traballar mellor no ámbito cultural, entre os cales figura o Festigal.

O Banco de Boas Prácticas da Xestión Cultural recolle, até o de agora, un conxunto de 100 proxectos iniciais que se seguirá ampliando con criterios de calidade, impacto integral no territorio, sostibilidade ou inclusión de valores transformadores. Para a súa elaboración foron consultadas máis de 400 persoas do sector da xestión cultural na Galiza.

Animámosvos a consultar o proxecto na ligazón: boaspracticas.xestoresculturais.gal.