@festivaldecans impulsa un curso de vídeo co obxectivo de realizar un documental sobre a figura da mestra “Dona Sara”

Publicado por o día 15/02/2018 na sección de Galicia,O Porriño

@festivaldecans impulsa un curso de vídeo co obxectivo de realizar un documental sobre a figura da mestra “Dona Sara”
Festival de Cans impulsa un ano máis o seu Proxecto Cans 303, un curso de gravación, edición e montaxe de vídeo, coa intención de iniciar no audiovisual a todas as persoas que desexen adquirir coñecementos. O obxectivo será facer como exercicio final unha curtametraxe colectiva que se estreará na vindeira edición do Festival de Cans, que terá lugar do 23 ao 26 de maio deste ano.

En pasadas edicións, o festival traballou con veciñas e veciños de diversas idades na creación de pezas documentais co obxectivo de recuperar a memoria da aldea e recompilar material fotográfico, en vídeo ou sonoro. Isto axudou e segue axudando a contruír a historia recente de Cans e a facer un archivo de imaxes sobre a parroquia.

O curso comezará o sábado 24 de febreiro para celebrarse todos os sábados dos meses de marzo e abril, entre as 10,00 e as 13,00 horas da mañá. Esta formación, que será impartida na sede do Festival de Cans polo realizador Juanma Lodo, terá un prezo de 40 euros, pero haberá un desconto do 50% para todas as persoas que colaboren na organización do festival ou sexan socias da Asociación de veciños O Castelo de Cans.

As persoas que desexen presentar a súa candidatura para o curso poden inscribirse no mail festivaldecans@festivaldecans.com, ou no número de teléfono 679 433 076. O prazo para a inscripción rematará o xoves 22 de febreiro ás 15,00 horas.

Este ano, as persoas que se inscriban no grupo, traballarán nun documental sobre a figura de Sara Quinteiro, mestra histórica de Cans durante varias décadas -á que todo o mundo na aldea coñecía como Dona Sara-, e que impartía as súas clases na “Casa da Mestra”. O festival fai un chamamento a todas aquelas persoas que poidan aportar material fotográfico e reseñas biográficas desta mestra e das que foron as súas alumnas para recuperar a súa historia coa maior exactitude posible.

O Proxecto 303 tamén se complementa cun blogue do mesmo nome, coordinado por Juanma Lodo, onde se van escribindo os avances do curso ao mesmo tempo que se explican nocións técnicas de algunhas das secuencias máis coñecidas da historia do cinema.