A Facultade de Filoloxía e Tradución celebra este ano o 20 aniversario da revista Hesperia, principal vehículo de expresión dos estudos sobre lingua e literatura española no sur de Galicia. Nacida no seno do extinto Departamento de Filoloxía Española e dirixida polo catedrático José Montero Reguera a publicación inicia agora unha nova etapa na que, en consonancia coas tendencias actuais, irá abandonando progresivamente o papel e converterase nunha publicación dentro do sistema OJS (Open Journal System) incorporada ao portal de revistas dixitais da Universidade de Vigo que se vai pór en marcha ao longo de 2018.
“Vinte anos despois da publicación do seu primeiro número, no 1998, a revista sigue a cumprir os seus obxectivos iniciais: publicar traballos científicos sobre lingua e literatura española nos seus máis diversos aspectos, temas e contidos”, explica o profesor José Montero Reguera, quen adianta que nesta nova etapa se incorporan ao consello de redacción as profesoras da Universidade de Vigo Carmen Luna e Montserrat Ribao; Juan Matas, da Universidad de León e Germán Vega, da de Valladolid, que se suman así a un equipo do que xa forman parte preto de 30 docentes de diferentes universidades, tanto nacionais (Complutense de Madrid, Rey Juan Carlos, Cádiz, León, Santiago de Compostela, A Coruña…) como internacionais, entre elas Masaryk (República Checa), Grenoble-3 (Francia) ou Münster (Alemaña).
Xunto a Montero Reguera forman parte do comité de dirección da revista os docentes Antonio Rifón, como editor, e Susana Rodríguez e Manuel Ángel Candelas en calidade de secretarios.
Vinte volumes, máis de 200 artigos, 160 recensións, varios monográficos…
Atrás quedan vinte volumes -a partir de 2008 en dous tomos-; 218 artigos; 160 recensións e notas bibliográficas; non menos de tres monográficos (sobre Modernismo e novela histórica, XI, 2 [2008]; traballos selectos do VI Encontro de morfólogos españois, XIII, 2 [2010]; e sobre Novas perspectivas do ensino do español como lingua estranxeira; XIX, 2 [2016]). “A revista serviu de canle a quen dá os seus primeiros pasos no campo da investigación universitaria e tamén de homenaxe a colegas no seu momento de xubilación ou de falecemento”, explica o director da publicación, quen lembra os números dedicados a Alonso Zamora Vicente (IX, 2006); José Antonio Fernández Romero ( XV, 1, 2012); Alberto Blecua ( XV, 2, 2012); Isaías Lerner ( XVII, 2, 2013); Cristóbal Cuevas ( XVII, 2, 2014), e Dolores Troncoso Durán ( XVIII, 2, 2015). “Non pouco traballo ás costas”, recalca Montero na páxina preliminar deste novo número.
Novos retos e proxectos farán cambiar, a xuízo dos seus impulsores, o formato da revista, pero non o seu espírito e propósito. “Afrontamos esta nova etapa coa mellor deportividade, no convencemento de que renovándose a revista rexuvenece e pode alcanzar novos públicos e colaboracións. Nisto estamos”, engade Montero.
O novo número inclúe seis artigos e dúas recensións bibliográficas
Neste novo número de 2018 a revista inclúe seis artigos e dúas recensións bibliográficas, unha sobre Goya en las literaturas (Marcial Pons, 2016) e outra sobre La lingüística en España. 24 autobiografías (editorial UOC, 2014). En canto aos artigos abordan distintas temáticas: formacións co sufixo vasco -tegui /tegi/ ( amarrategui, aprovechategui); o reflexo do control das condutas na épica hispánica medieval; a obra de poesía dramática de Juan Gelman, La Junta luz; a heteroxeneidade dos enunciados expositivos na obra Loores de Nuestra Señora de Gonzalo de Berceo; un estudo sobre Nebulosas, a ópera prima do poeta galego Dictinio de Castelo-Elejabeytia e, por último, un traballo sobre o léxico carcelario no Diccionario de mejicanismos de Féliz Ramos i Duarte.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.