Físicos e historiadores do campus participarán na primeira edición en Ourense de Pint of Science

O obxectivo da iniciativa é levar a divulgación científica fóra do eido académico
Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Universidade de Vigo,Eventos

Físicos e historiadores do campus participarán na primeira edición en Ourense de Pint of Science

“Pint of Science 2018, o festival de divulgación científica internacional que propón un encontro entre investigadores e o público nos bares, chega os días 14, 15 e 16 de maio a 56 cidades de España, coa novidade de incluír a Ourense dentro deste universo singular. A cuarta edición segue batendo marcas: 308 eventos en 105 bares, coa participación de 730 científicos como relatores e case 400 voluntarios na organización”. Deste xeito, preséntase por primeira vez en Ourense unha cita na que terán protagonismo destacado físicos e historiadores do campus.

A organización do evento na cidade das Burgas corre a cargo de X. Dosi Veiga, Diego Sánchez e Miguel Ángel López. “A idea é sacar a ciencia da academia e levala a un sitio máis distendido no que un público máis diverso poida ter acceso a ela”, comenta o fotógrafo e antropólogo Miguel Ángel López. Deste xeito, sinala, nun contexto menos formal, as persoas asistentes poderán ver como “a ciencia lles beneficia na súa vida diaria, como a ciencia está en todo” e “descubrir novos temas que lles poden interesar”. Aínda que esta é a primeira edición, desde a organización da cita sinalan que nace con vocación de ter continuidade no futuro e co desexo de que a xente “se divirta e aprenda algo”.

Tres días de actividade

A programación desenvolverase os tres días de celebración ás 20.00 h, con entrada de balde e aberta a todas as persoas interesadas, no Bar O Moucho, na céntrica rúa Concordia. O día 14 a programación arrancará cunha sesión titulada Dos átomos ás galaxias. Nela, o físico e catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel ofrecerá unha charla titulada De todo o visible e o invisible na que falará sobre “a investigación nas fronteiras das tecnoloxías relacionadas coa luz”. Durante a súa intervención explicará de xeito ameno aspectos como que é a luz e súa descrición matemática “que, curiosamente, coincide segundo algunhas teorías coa do obxecto máis invisible que existe: a misteriosa materia escura”. Trala súa conferencia o tamén físico e profesor da Universidade de Vigo Daniele Tommasini ofrecerá unha intervención na que, baixo o título Explorando o baleiro, ofrecerá ao público asistente “unha breve historia de case nada”, falando da idea do baleiro en física pero tamén nas artes, a filosofía e a literatura.

O día 15 será a quenda dos historiadores, que falarán nunha sesión chamada Planeta Terra. Baixo o título Xogando con lume 2500 anos despois, Martiño Xosé Vázquez, investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, afondará “a través dunha amena e divertida charla” en como “a través da arqueoloxía podemos extraer infinidade de historias de entre os carbóns”, concretamente do incendio acontecido en Cualedro en 2017. Seguiralle unha charla titulada Eu tamén viciaba ao Age of Empires: un romance entre a historia e a cultura pop, de David Calviño, egresado tamén da Facultade de Historia do campus de Ourense. Nela abordará a relación entre historia e produtos de cultura de masas como os videoxogos ou a banda deseñada. Por último, o día 16 de maio, baixo a o paraugas da sección Mente Marabillosa, Julio Rodríguez e M. Elena Vázquez, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán no primeiro caso de creatividade, xenética e trastornos psiquiátricos e no segundo de Matemáticas que moven a auga, o gas e o sangue.