‘Galicia, a terra dos mil panos’ pecha como a mostra máis visitada no museo no que vai de ano

Dende finais de xullo pasaron pola sala comisariada por Sete Espadelas 10.558 persoas, das que 380 participaron en visitas guiadas
Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

‘Galicia, a terra dos mil panos’ pecha como a mostra máis visitada no museo no que vai de ano

‘Galicia, a terra dos mil panos’ pechou onte 1 de setembro a súa estancia no Museo de Pontevedra como a mostra máis visitada no que vai de ano nas salas provinciais. Por alí pasaron 10.558 persoas, das que 380 participaron en visitas guiadas polos comisarios da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, coñecendo de primeira man as características de tecidos e mantóns utilizados na vestimenta galega nos séculos XIX e XX.

A diferencia en número de visitantes desta exposición é bastante considerable coa segunda na lista, ‘Motim’, organizada polo Concello de Pontevedra co gallo do Salón do Libro e á que asistiron moitos grupos organizados de colexios, sumando 8.134 visitas. A terceira no ránquin é ‘De xira por España. Bicenternario do Museo Nacional del Prado’, con 6.851 visitantes.

Foi moi significativa, así mesmo, a grande afluencia que tiveron as visitas guiadas con José Luis Rodríguez Álvarez e David Quiñones Vázquez, comisarios do evento, xa que inicialmente estaban previstos tres pases que tiveron que multiplicarse pola grande afluencia de xente nos días previstos (facendo varios grupos). Incluso foi preciso organizar outros dous días con pases extraordinarios para facer fronte á demanda.

Así mesmo, foi de destacar a diversidade das orixes das persoas visitantes, tanto chegados do propio Concello de Pontevedra como doutros concellos galegos (Vigo, Santiago…), do resto do Estado e doutros países.

O director do Museo, José Manuel Rey, amosou a súa satisfacción polo éxito da mostra dos panos e asegurou que “dalgún xeito vén evidenciar que é preciso diversificar tipoloxías de exposicións”. Rey quixo amosar tamén de forma explícita o seu agradecemento aos comisarios polo seu bo facer e implicación no desenvolvemento do proxecto.

En canto aos datos xerais, no que vai de ano a cifra de visitantes ao Museo de Pontevedra ascende a 58.699 persoas, das que preto de 9.400 corresponden ao mes de agosto. Estes números, en calquera caso, non poden ser comparados con exercicios anteriores polo peche das Ruínas de San Domingos, que ao estar inaccesibles ao público por cuestión técnicas durante o verán fixeron baixar significativamente a estatística.