Galicia estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos e alumnas

Feijóo destaca que chegará ao 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Educación,Formación,Galicia,Xunta de Galicia

Galicia estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos e alumnas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos, unha cifra que suporá o 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO.

Con este obxectivo, Feijóo precisou que Consello autorizou hoxe dous contratos marco, que suman un importe máximo de 34 millóns de euros: un deles para adquirir ata 45.000 ultraportátiles para o alumnado e o outro para adquirir o equipamento necesario para a dotación doutras 2.000 aulas E-Dixgal.

Actualmente E-Dixgal está dispoñible para os centros adheridos, entre 5º de primaria e 2º da ESO. Isto supón que máis de 34.000 alumnos destes niveis educativos estudan con libro dixital, equipados con portátil e con acceso online e offline á plataforma virtual EVA, onde teñen á súa disposición o contido curricular completo de cada curso.

Cómpre salientar que esta transformación comezou en 2010, coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investido máis de 100 millóns: para a dixitalización de todas as aulas de 5º de primaria a bacharelato; na mellora da conectividade para que o 100% dos centros públicos educativos de primaria e secundaria dispoñan de conexión a internet superior a 100 megabits por segundo; e na adquisición de equipamento, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online.

A estes recursos súmanse diferentes plataformas e aplicacións que facilitan o ensino dixital, como se puxo de manifesto durante o período de confinamento, como: as aulas virtuais ás que accederon diariamente máis de 100.000 estudantes; o sistema de videoconferencia con 4.000 xuntanzas diarias; a aplicación Abalar que empregan habitualmente 93.000 usuarios; ou a plataforma EVA que rexistra diariamente un acceso medio de 3.100 profesores e 29.300 estudantes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.