Galicia permitirá a mobilidade, por visitas familiares, o 6 de xaneiro entre as 00,00 h e as 23,00 h

O comité clínico decidiu pasar a Narón ao nivel medio, mentres que se manteñen os niveis actuais de restricións no restos dos concellos galegos
Publicado por o día 04/01/2021 na sección de Coronavirus,Galicia

Galicia permitirá a mobilidade, por visitas familiares, o 6 de xaneiro entre as 00,00 h e as 23,00 h

O comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de hoxe, rebaixar ao nivel básico as restricións nos concellos de Carnota e As Pontes. Deste xeito suprímeselles as limitacións de mobilidade que tiñan ata o de agora.

O comité clínico decidiu tamén baixar o concello de Narón, ao nivel medio, mentres que se manteñen os niveis actuais de restricións existentes a día de hoxe no resto dos concellos da comunidade.

A única excepción é a que permitirá a mobilidade entre concellos, incluso nos que se atopan perimetrados, durante o vindeiro mércores, día 6 de xaneiro, entre as 00,00 e as 23 horas. Ao igual que aconteceu nas pasadas festas, cinguíndose a posibilidade destes desprazamentos ás visitas familiares.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de vixilancia especial aos concellos das comarcas da Coruña e Santiago de Compostela.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00,00 horas do mércores.

A decisión de manter as restricións vixentes en toda Galicia vai ser revisada na xuntanza do próximo venres, xa que o grupo de expertos acordou que é necesario agardar uns días para poder avaliar a evolución epidemiolóxica logo das medidas adoptadas polas festas do Nadal e fin de ano.

Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.