Galicia rexistra un total de 6.296 casos infectados por coronavirus

A día de hoxe hai 5.587 pacientes en seguimento nos seus domicilios
Publicado por o día 20/04/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Xunta de Galicia

Galicia rexistra un total de 6.296 casos infectados por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.296, deles 1.408 son da área da Coruña, 605 da de Lugo, 1.243 da de Ourense, 508 da de Pontevedra, 1.142 da área de Vigo, 1.046 da de Santiago, e 344 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 108 permanecen en UCI, 601 están en unidades de hospitalización e 5.587 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.548 altas de pacientes e 455 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 67.639.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

 

TOTAL GALICIA
DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS
NÚMERO DE CASOS
6.296
960 (usuarios)
419 (profesionais)
FALECEMENTOS
455
103 (en residencias)

98 (en hospitais e residencias integradas)

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,9% do total das persoas residentes.

Respecto das 5 persoas falecidas onte en centros residenciais, 2 foron da residencia DomusVi San Lázaro (Santiago de Compostela), 1 de N.S Esperanza (Ourense), 1 de DomusVi Cangas e 1 da residencia Moledo (Vigo).

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.