Gallo, de Antonio Díaz Huerta e La felicidad de los perros de David Hernández, no Primavera do Cine

Gallo, de Antonio Díaz Huerta, La felicidad de los perros, de David Hernández e Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora son as tres longametraxes que se exhibirán no Concello ás 18.30, ás 20.30 e ás 22.30 respectivamente
Publicado por o día 02/05/2019 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Gallo, de Antonio Díaz Huerta e La felicidad de los perros de David Hernández, no Primavera do Cine

O Primavera do Cine en Vigo proxectará este venres no Auditorio do Concello ás 18.30 o filme Gallo, de Antonio Díaz Huerta, un documental que narra a historia de Aitor, un surfista cego que intentará conseguir o título de Campeón del Mundo de Surf Adaptado. A ópera prima de Antonio Díaz proxectouse no Festival de San Sebastián 2018.

Doutra banda, La felicidad de los perros, prevista para ás 20.30 tamén no Concello narra a crise existencial de César e a súa loita por saír adiante. O filme ven de proxectarse igualmente en festivais tan aclamados coma CineEuropa e, así mesmo, tamén conseguiu levarse o premio DCP Deluxe do Festival de Cine de Gijón 2018.  

Xa ás 22.30 poderase ver Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora, unha cinta que que explora a vida dun mozo pertencente a unha tribo indíxena do norte do Brasil e que conseguiu o Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes 2018 e Premio Especial do Xurado no Festival Mar de Plata 2018

 

A PROGRAMACIÓN DO VENRES 3 DE MAIO

 

Ademais das tres longametraxes, o venres tamén se poderán ver numerosas curtas galegas e de animación de gran calidade. Así, previamente, ás 18.00 no MARCO proxectaranse sete obras de animación galegas e lusófonas coma El rejoj de Borja Santomé, unha curta en branco e negro de estilo pictórico que trata sobre a viaxe interna e externo da costa á gran cidade en clave de experimentación pasional; Á tona de Filipe Abranches, a curiosa historia do naufraxio dun aviador que obtivo a Mención Especial  do  Xurado  na  Monstra  do Festival de Animaçao de Lisboa de este mesmo ano; Soy una tumba do recoñecido animador  Khris  Cembe que conta a historia do paso forzado á madurez dun neno ao ser testemuña dun crime e que obtivo o Premio do Público e o Premio á Mellor  Curtametraxe Nacional no 3D Wire Fest e tamén o premio á  Mellor Curtametraxe de Animación nos últimos Mestre Mateo; ou  Rãzao entre dois volumes de Catarina Sobral que obtivo a Mención Especial do Xurado no  Short of the Year en 2018.

 

O bloque de animación completarase coas curtas Ride de Paul Bush, Porque este é o meu oficio de Paulo Monteiro e Sangro de Tiago Minamisawa e Bruno H. Castro.

Xa ás 19.30, tamén no MARCO, será o turno das curtas galegas como Mariñeiro de Juan Galiñanes, un falso documental protagonizado por Celso Bugallo que aborda as dificultades do traballo no mar e que recibiu a Mención Especial do Xurado na última edición do Ourense Filme Festival (OUFF); Plus ultra de Samuel M. Delgado e Helena Girón, unha peza de ficción experimental que fabula sobre a colonización; Beautiful Boy de Fran X. Rodríguez, unha historia sobre o consumismo que estivo nomeada a Mellor Curtametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo e De repente, la noche de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente, un drama familiar que narra a historia dun matrimonio e da súa loita para salvar a súa filla enferma.

OS PREZOS

As entradas aos bloques de curtas de animación e curtas galegas pódense adquirir no MARCO desde media hora antes do comezo das proxeccións e cada un deles ten un custo de 3€, mentres que as entradas ás longametraxes estarán á venda no despacho de billetes do Concello a un prezo de 4€, que abrirá media hora antes de cada proxección. Toda a información sobre a sección oficial está na web do festival.