Carmela Silva anuncio esta mañá que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos clubs, concellos, asociacións e entidades da provincia, a través do programa “Depocomparte“, dúas bicicletas adaptadas duet debidamente homologadas, de 3 velocidades e freos de tambor para que poidan ser utilizadas en rutas, probas e eventos deportivos.
A presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que “temos unha política firme en canto a inclusión social das persoas con diversidade funcional. Por iso o deporte adaptado ten que ser unha realidade e nas mesmas condicións que teñen o resto das persoas.” Neste senso, Carmela Silva, tamén apuntou que “isto é unha das nosas prioridades desde que chegamos ao goberno, de feito, así está definido claramente no Plan Estratéxico de Deportes recentemente aprobado.”
“Depocomparte” permite que todos os concellos, entidades e clubs deportivos que así o desexen poidan contar con material para eventos deportivos de maneira totalmente gratuíta. A institución provincial está poñendo á súa disposición kits para actos deportivos compostos, en total, por 2 podios, 4 arcos de meta, 8 “sky dancers” (voadores), 8 carpas de 3 por 3 metros, un marcador electrónico, 100 conos e vallas. Carmela Silva explicou que “comezamos poñendo dous kits deportivos a disposición de clubs e asociacións e actualmente, ante a gran demanda, tivémola que duplicar, xa temos catro kits.”
O material cédese de xeito gratuíto e en condicións axeitadas para o seu uso, dando asesoramento aos solicitantes para a utilización do material deportivo no momento da súa retirada. As persoas interesadas unicamente terán que encargarse do transporte e persoal necesario para a recollida, instalación, retirada e retorno do mesmo.
Este programa funciona como unha central de reservas electrónica na que os interesados teñen que entrar na aplicación dispoñible na web da Deputación de Pontevedra (www.depo.es). Nesta aplicación terán que cubrir as datas do evento, os campos de identificación e solicitar os materiais que estean dispoñibles para esas datas.
No seu primeiro ano de vida de vida, o programa “Depocomparte” medrou con bos resultados segundo os obxectivos que se marcaba a Deputación de Pontevedra, que puxo en marcha esta iniciativa baixo a filosofía de compartir todos os recursos da Deputación de Pontevedra coa cidadanía. En rolda de prensa, a presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que “o certo é que sobrepasou as nosas propias expectativas xa que a demanda desde o primeiro momento polos clubs, concellos e asociación da provincia foi excepcional e o seu crecemento é constante.”
En concreto, durante o 2017 máis de 150 clubs e entidades da provincia beneficiáronse deste programa a través do cal a Deputación de Pontevedra xestionou máis de 250 solicitudes. Amais, xa hai 25 reservas para os dous próximos meses, que é a máxima antelación coa que se poden facer as solicitudes de reserva.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.